A Xunta licita o contrato de asistencia técnica para a vixilancia e seguimento de vertidos de augas residuais na demarcación Galicia-Costa por valor de 3,3 M€

As empresas interesadas en prestar o servizo teñen de prazo ata o 25 de marzo para presentar as súas propostas

O servizo pretende favorecer a sustentabilidade medioambiental e a xestión eficiente dos recursos hídricos de Galicia contribuíndo á protección dos ecosistemas acuáticos e a mellorar a calidade das augas da comunidade

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2025

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, licitou o contrato para o servizo de asistencia técnica na intervención, vixilancia e seguimento en materia de vertido de augas residuais no ámbito da demarcación hidrográfica Galicia-Costa para os vindeiros dous anos, prorrogable por outros tres. O contrato conta cun importe inicial de 1,3 millóns de euros, contía que subiría ata os 3,3 millóns de euros de chegar aos cinco anos.

O contrato licitado pretende favorecer a sustentabilidade medioambiental e a xestión eficiente dos recursos hídricos en Galicia velando por que os vertidos se realicen de acordo coas normativas vixentes e contribuíndo así á protección dos ecosistemas acuáticos e a mellorar a calidade das augas da comunidade.

O servizo tamén busca acadar unha maior eficacia na tramitación de expedientes, tanto novos como en curso, reducindo prazos e mellorando a transparencia na xestión dos vertidos. Nesta liña, introduciranse ademais melloras no sistema de control e base de datos de Augas de Galicia (o Acedha) para optimizar o seguimento dos expedientes, a interoperatividade, e facilitar a tramitación electrónica integral dos expedientes, unha cuestión fundamental para a modernización e axilización dos trámites.

As empresas interesadas no contrato teñen de prazo ata o 25 de marzo para presentar as súas propostas. Despois, a prestación do servizo será por un período de dous anos coa opción de prórroga por ata tres anos máis.

A empresa gañadora deberá desenvolver accións como a asistencia na xestión das autorizacións colaborando na tramitación dos expedientes de autorizacións de vertido e o seguimento dos xa vixentes así como o control do cumprimento das normativas e medidas preventivas ante incumprimentos, co fin de manter a calidade das augas e frear posibles episodios de contaminación.

Entre as obrigas da adxudicataria tamén estará a mellora do sistema Acedha -mediante o desenvolvemento de melloras tecnolóxicas-, a asistencia técnica para a elaboración de documentos técnicos que axuden a identificar posibles problemas e a súa solución, así como a actualización do censo de vertidos e a formación do persoal de Augas de Galicia nas boas prácticas e a xestión deste tipo de episodios.

Este contrato -que dá continuidade a outro anterior pero actualizado atendendo ás novas necesidades do servizo- é fundamental na adaptación das normativas ás realidades ambientais e tecnolóxicas, reforzando a capacidade de Augas de Galicia para facer fronte aos retos do cambio climático e a súa incidencia na xestión dos vertidos e do saneamento das augas residuais.

A aposta do Executivo galego por este tipo de contratos, que combinan asistencias técnicas de alta calidade co uso de ferramentas dixitais avanzadas, reflicte o seu compromiso coa protección ambiental e a mellora continua dos servizos públicos no ámbito do control e vixilancia dos vertidos.

Data de actualización: 02/03/2025