A delegada territorial de Ferrol informou desta convocatoria durante unha visita ao centro sociocultural Outeiro de Chanteiro, en Ares

Martina Aneiros lembra que a Xunta ten aberto ata o 13 de marzo o prazo de solicitude das axudas aos concellos para obras de eficiencia enerxética

Esta orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, está dotada de 5 M€ de orzamento para as anualidades 2025-2026

Está dirixida a concellos de menos de 30.000 habitantes e permitirá cubrir o 80% dos gastos de mellora en illamento, iluminación interior e climatización cun límite de 120.000 euros

Ares (A Coruña), 3 de marzo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá as obras de mellora da eficiencia enerxética do centro sociocultural Outeiro de Chanteiro que o Concello de Ares executou cun axuda da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes de máis de 81.000 euros.

A intervención consistiu na mellora da eficiencia enerxética do inmoble a través da redución da demanda enerxética mediante a mellora da envolvente térmica, illamento de fachadas e instalación de carpintería e vidros de boas características térmicas. Ademais mellorouse a eficiencia enerxética da instalación de iluminación mediante luminarias tipo LED e melloráronse os sistemas de calefacción con fonte de enerxía renovable, substituíndo a caldeira actual de gasóleo por unha bomba de calor, mantendo os emisores de calor.

Segundo explicou Aneiros estas axudas, dotadas para a anualidade 2025-2026 de 5 M€ e cofinanciadas con fondos Feder, están destinadas a concellos de menos de 30.000 habitantes para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculadas á prestación de servizos municipais.

Serán subvencionables obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas. Tamén se sufragarán as obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido. Outra das melloras refírese á climatización, calefacción e sistemas e auga quente sanitaria, que poderán incluír fontes de enerxía renovable.

A delegada territorial indicou que estas axudas que se poden solicitar ata o 13 de marzo, permitirán cubrir ata o 80% dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e  climatización cun límite de 120.000 euros.

“Con esta convocatoria o Goberno galego segue a apoiar ao concellos no aforro enerxético á vez que contribúe á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático”, explicou Aneiros, quen aliñou a medida coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/03/2025