A Xunta avanza na colaboración con Cercedo-Cotobade para impulsar o emprego local e atraer talento en liña cos perfís que demanda a contorna

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 4 de marzo de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo unha reunión co alcalde de Cercedo-Cotobade, Jorge Cubela, co obxectivo de avanzar na colaboración entre ambas administracións no fomento das políticas activas de emprego encamiñadas á cobertura das principais vacantes laborais que rexistra a contorna e á fixación de poboación no territorio, garantindo así a remuda xeracional.

En paralelo ás medidas orientadas a impulsar a forza laboral interna, na xuntanza abordáronse as oportunidades que ofrece para o desenvolvemento local e para as empresas asentadas no municipio o plan de atracción de talento exterior que está a impulsar a Xunta, cun orzamento de máis de 11 millóns de euros e con foco nos galegos retornados. Así, no marco da Estratexia Galicia Retorna, está en marcha a segunda edición do Programa Retorna Cualifica Emprego, co obxectivo de favorecer a volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe. A convocatoria busca acadar resultados pegados á realidade de cada territorio en liña coas necesidades de man de obra das empresas e cunha atención integral que facilite a inserción social laboral dos traballadores, incorporando tamén apoios para que poidan acceder de xeito máis doado a unha vivenda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/03/2025