A Xunta busca novas vías de colaboración con Paraguai na reunión co seu embaixador en España

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou a gran vantaxe de Galicia fronte a outras rexións europeas pola súa relación histórica cos seus países socios

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recibiu hoxe o embaixador da República de Paraguai en España, Justo Apodaca. Á xuntanza tamén asistiron o cónsul honorario do país en Santiago de Compostela e o primeiro secretario da Embaixada.

No encontro incidiuse sobre a importancia das exportación galegas a Paraguai, que aumentaron en máis dun 10% en 2024 en comparación co ano anterior: un 30,5% no sector agroalimentario, un 7,4% no textil e un 6,8% no sector metalmecánico. Ademais, a previsión mantense á alza para o 2025, xa que cada vez son máis empresas galegas as que fan negocio co país suramericano.

Diego Calvo sinalou que Galicia ten unha gran vantaxe competitiva fronte a outras rexións europeas grazas á proximidade histórica coa Arxentina, co Brasil, con Paraguai e co Uruguai. O conselleiro tamén recalcou a intención de Galicia en incrementar as relacións económicas en sectores como o agroalimentario, a construción, enerxías renovables, saúde ou as TIC.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/03/2025