Exhibe esta plataforma no marco da reunión anual do proxecto europeo Joint Action Circe
O Servizo Galego de Saúde exporta a plataforma de teleasistencia domiciliaria TELEA a catro rexións de Suecia e Italia
O sistema TELEA será pilotado nas rexións de Norrbotten, en Suecia, e no Piemonte, Teramo e Emilia-Romagna, en Italia
O proxecto europeo Joint Action Circle ten como obxectivo transferir e implantar seis boas prácticas dos servizos de atención primaria de Bélxica, España, Portugal e Eslovenia entre os outros 12 países participantes
Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2025
O Servizo Galego de Saúde exporta a plataforma de teleasistencia domiciliaria TELEA a catro rexións de Suecia e de Italia. A técnica da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Carmen Orosa, e o coordinador do Nodo de innovación do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Daniel Simón, asistiron en Liubliana (Eslovenia) á xuntanza anual que organizan os socios do proxecto europeo Joint Action Transfer of Best Practices in Primary Care (CIRCE), onde exhibiron e puxeron en valor a plataforma do sistema sanitario público galego.
O proxecto europeo CIRCE ten como obxectivo a transferencia de seis boas prácticas dos servizos de atención primaria de España, Bélxica, Portugal e Eslovenia para seren implantados noutros 12 países membros.
Neste sentido, o sistema de teleasistencia domiciliaria do Servizo Galego de Saúde TELEA será pilotado en catro rexións europeas, concretamente, en Norrbotten, Suecia; e no Piemonte, Teramo, Emilia-Romagna, en Italia.
Durante os días 5 e 6 de marzo, representantes do proxecto CIRCE participaron nas xornadas informativas nas que os países propietarios das boas prácticas e os seus respectivos implementadores abordaron as principais características das pilotaxes, así como aqueles cambios que executarán sobre as prácticas orixinais, de acordo ao sector poboacional ao que vai dirixida, o número de pacientes implicados, a localización e duración da pilotaxe.
Os representantes do Servizo Galego de Saúde e da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) compartiron coas rexións as súas impresións sobre os métodos de avaliación para medir o impacto dos proxectos e a súa sustentabilidade, así como outros factores claves para acadar o éxito na posta en marcha destes programas.
A segunda das xornadas continuou coa presentación das tarefas que se van realizar no proceso de transferencia, implementación, reforzo de capacidades e sustentabilidade, todas elas elementos clave para continuar co desenvolvemento conxunto e coa implementación e a transferencia de prácticas sanitarias durante os vindeiros meses.
A reunión presencial de CIRCE-JA permitiu analizar as actividades realizadas durante o último ano da Joint Action CIRCE e tamén reforzar a cooperación e o diálogo entre as rexións participantes.
Así mesmo, xerou un espazo para programar as liñas de traballo ata o fin dos proxectos para garantir a efectiva implementación das 6 boas prácticas nos sistemas sanitarios das rexións piloto e así reforzar a atención primaria nos estados membros participantes.