A Xunta impulsa a formación cualificada en relacións laborais a través dun convenio de colaboración coas tres universidades públicas galegas

O Goberno galego apoia o desenvolvemento do Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral, promovendo así a formación de especialistas en recursos humanos e en auditoría socio laboral

A iniciativa enmárcase na aposta do Executivo autonómico para adaptar os perfís profesionais ás novas esixencias normativas e empresariais e á evolución constante das contornas de traballo

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, vén de asinar un convenio de colaboración coas tres universidades públicas galegas para o desenvolvemento do Máster Interuniversitario en Xestión e Dirección Laboral, reforzando a formación de talento e dando resposta á demanda de titulados universitarios nesta área de actividade. 

O título académico, baixo a coordinación da Universidade de Santiago de Compostela, consta dun total de 60 créditos e presenta un enfoque eminentemente práctico co obxectivo de preparar aos alumnos e alumnas nos campos da dirección laboral e na xestión de recursos humanos dentro da empresa.

Así, o itinerario formativo contempla un tronco común de 24 créditos que se imparte nas tres universidades e outro de especialización —doutros 24 créditos— que se distribúe entre as tres institucións, ofrecendo a de Santiago a temática de xestión socio laboral; a Universidade da Coruña, a de recursos humanos; e a de Vigo, a de dirección laboral de empresas. Finalmente, o plan inclúe o desenvolvemento de prácticas externas e a elaboración dun traballo fin de mestrado.

Con esta medida, a Administración galega reafirma o seu compromiso coa mellora da empregabilidade e a especialización profesional no ámbito das relacións laborais. O convenio responde á necesidade de dotar ao tecido empresarial e ás institucións de expertos cualificados que poidan abordar os retos actuais do mercado laboral con rigor e eficacia. A iniciativa enmárcase, así mesmo, dentro da estratexia do Goberno autonómico para impulsar a formación continua e a adaptación dos perfís profesionais ás novas esixencias normativas e empresariais e á evolución constante das contornas de traballo.

Data de actualización: 08/03/2025