A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu a unha pregunta oral no Parlamento
A Xunta garante a calidade dos menús que se ofrecen nos centros residenciais, que son supervisados por nutricionistas e adaptados ás dietas dos usuarios
Fabiola García explica que este servizo de comedor, que leva 14 anos funcionando con normalidade, combina a calidade dos produtos, o valor nutricional e as particularidades de cada usuario
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, garantiu hoxe que a Xunta controla e supervisa a calidade dos menús que se ofrecen nos centros residenciais autonómicos. En resposta a unha pregunta oral no Pleno, fixo fincapé en que estas comidas, nas que se empregan produtos de primeira calidade, son supervisadas por nutricionistas e están adaptadas ás dietas pautadas polos servizos médicos.
Na súa intervención, a conselleira explicou que estes menús sérvense nos 70 centros de maiores da rede autonómica da Xunta que xestiona o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e son consumidos diariamente por 2.500 usuarios. Destacou, ademais, que é o mesmo menú que o de Xantar na Casa, que chega a 200 concellos e distribúe máis de 3.000 menús diarios.
Fabiola García destacou que este servizo de comedor, que leva 14 anos funcionando con normalidade, combina a calidade dos produtos, o valor nutricional e as particularidades de cada usuario. O servizo, engadiu, conta cun nivel de satisfacción moi elevado, tal e como demostran as enquisas que se realizan periodicamente en todos os centros.
En canto ás reclamacións, asegurou que están centradas nun número reducido de usuarios. Con todo, reiterou que a Xunta escoita estas posibles queixas, modificando en algunhas ocasións os menús en función das opinións que trasladan as persoas usuarias a través das enquisas de satisfacción.