A Xunta reafirma en Vigo o seu compromiso coa innovación e a loxística para fortalecer a economía galega

A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na primeira edición de Shape Future Galicia e na Xornada de Solucións Tecnolóxicas para Cadenas Globais de Valor

Subliña a importancia da dixitalización e da loxística sustentable no comercio internacional e avoga pola cooperación como clave para a competitividade industrial

Destaca que o sector loxístico ten contribuído de modo decisivo a acadar un novo récord de exportacións en 2024, con más de 31.000 millóns en vendas ao exterior

Lembra que o Igape ten en marcha distintas liñas de axuda que suman máis de 172 millóns para impulsar a innovación e facilitar o financiamento do tecido empresarial

Vigo, 12 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia reafirmou este mércores en Vigo a súa estratexia para consolidar o sector loxístico e industrial da comunidade, apostando pola dixitalización, a innovación e a sustentabilidade como elementos clave para mellorar a competitividade das empresas galegas. A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en dúas citas de relevancia para o tecido empresarial: a Xornada de Solucións Tecnolóxicas para Cadenas Globais de Valor, organizada polo Clúster da Función Loxística de Galicia e a Autoridade Portuaria de Vigo, e a primeira edición de Shape Future Galicia, impulsada pola Asociación Galega de Moldistas, Matriceros e Afíns (AGMMA).

Na súa intervención na xornada sobre cadeas globais de valor, Toca Carús destacou que Galicia ten unha posición estratéxica única para converterse nun referente loxístico, grazas á súa rede portuaria, a súa infraestrutura de transporte e a súa aposta pola dixitalización e a sustentabilidade. "Estamos a falar dun sector que representa o 12,5 % do PIB galego, que xera máis de 133.000 empregos directos e que conta cunha rede de 127 terminais portuarias con conexións comerciais en Europa, América e Asia", explicou.

Neste contexto, sinalou que a Xunta está a desenvolver o Plan Director da Loxística Galega, unha folla de ruta que marcará o futuro do sector, incorporando medidas para a automatización de procesos e a dixitalización da cadea de subministración, a implementación de intelixencia artificial para mellorar a eficiencia e a aposta por combustibles verdes e modelos sustentables no transporte de mercadorías.

A directora salientou tamén o papel do Clúster da Función Loxística de Galicia, que está a desenvolver proxectos innovadores para mellorar a distribución urbana, optimizar infraestruturas clave e fortalecer a cooperación entre cargadores, transportistas e empresas tecnolóxicas.

“Sen un bo servizo loxístico, hoxe non estariamos a falar de que durante o último ano Galicia superou o récord histórico de exportacións”, afondou Toca Carús, quen lembrou que, durante 2024, as vendas ao exterior galegas fixaron un novo teito, superando os 31.000 millóns de euros, un crecemento do 3,3 % respecto a 2023.

Neste marco, lembrou que a Xunta está a ultimar a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2026-2030, que incluirá medidas para expandir a presenza das empresas galegas en novos mercados. Entre as iniciativas máis destacadas, sinalou a creación dun observatorio de vixilancia comercial en EE.UU. para analizar barreiras comerciais, a apertura dunha nova oficina do IGAPE en Brasil, fortalecendo a conexión co mercado latinoamericano e o reforzo de programas de apoio como Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Dixital e Foexga.

A industria de moldes e mecanizado

Pola súa banda, na xornada Shape Future Galicia, Toca Carús puxo en valor o papel do sector de moldes, matrices e mecanizado como unha peza fundamental no ecosistema industrial galego. "Falamos dun sector altamente especializado que opera en automoción, aeronáutica e biomedicina, con máis de 8.000 empregos directos en Galicia e un volume de negocio superior aos 700 millóns de euros anuais", destacou.

Para impulsar a competitividade industria galega, lembrou, o Igape ten á disposición das empresas galegas diferentes programas de financiamento e innovación que suman máis de 172 millóns de euros. Entre eles destacou as axudas á dixitalización e á implantación de intelixencia artificial, como a liña IA 360, dotada con 10,2 millóns de euros.

Neste marco, resaltou que a Xunta continuará apostando pola cooperación público-privada para reforzar a industria galega, en xeral, e a de moldes e mecanizado, en particular, impulsando novas liñas de colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos que favorezan a innovación e a internacionalización do sector.

Data de actualización: 12/03/2025