Xunta e Fundación Inade abordan posibles medidas de seguridade industrial no ámbito das empresas galegas

O encontro enmárcase na rolda de contactos que o Goberno galego está a manter para coñecer de primeira man as demandas dos distintos sectores relacionados con este ámbito

Pontevedra, 13 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reuniuse con representantes da Fundación Inade para abordar posibles medidas de seguridade industrial no ámbito das empresas galegas. O encontro enmárcase na rolda de contactos que o Goberno galego está a manter para coñecer de primeira man as demandas dos distintos sectores relacionados con este ámbito.

Durante a xuntanza, a conselleira trasladoulles o compromiso da Xunta coa seguridade, pois unha industria máis segura é unha industria máis produtiva, máis eficiente e máis competitiva. Neste sentido, explicou que a seguridade industrial ten unha triple vertente: o interese público ao estar ao servizo da protección das persoas; o interese social pois beneficia a toda a cidadanía; e o interese económico, xa que a mellora e mantemento das instalacións redunda nunha maior vida útil.

Na reunión, o presidente da Fundación Inade, José Ramón Santamaría, achegou propostas para facilitar ao tecido empresarial galego o cumprimento da normativa en seguridade industrial vixente. Ademais, tamén se ofreceu a colaborar cos grupos de traballo do Consello Galego de Seguridade Industrial que se reunirá de novo o vindeiro mes de abril.

O Consello Galego de Seguridade Industrial

O Consello Galego de Seguridade Industrial naceu como un foro para facilitar a actividade empresarial e potenciar a seguridade industrial. Este novo órgano é unha ferramenta máis para avanzar na solvencia, atracción e competitividade de Galicia a través da súa industria, pois investir en seguridade industrial é sinónimo de protexer ás persoas e ao medio ambiente, minimizar riscos de sinistros e mellorar a eficiencia e operativa das empresas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/03/2025