A Xunta suspende cautelarmente parte da actividade do centro de tratamento de residuos industriais de Galicia nas Somozas ante varios casos de intoxicación

Tras visitar hoxe as instalacións, inspectores do Servizo de Intervención Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático abren unha investigación para verificar o seu correcto funcionamento e detectar posibles anomalías nas emisións

Solicitouse á empresa información adicional e en función dos resultados, adoptaranse as medidas necesarias previstas na lexislación marco vixente

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ordenou hoxe a suspensión dunha parte da actividade do Centro de Tratamento de Residuos Industriais de Galicia (CTRIG), localizado no municipio das Somozas, como medida cautelar e preventiva ante a detección de varios casos de intoxicación na contorna.

A decisión adóptase despois de que nas últimas horas se recibiran a través do 112 varios avisos de centros sanitarios da comarca advertindo da existencia de pacientes que referían diferente sintomatoloxía de carácter leve, como dores de cabeza e molestias oculares, entre outras.

A raíz destas comunicacións, decidiuse enviar esta mañá a tres inspectores do Servizo de Intervención Ambiental —dependente da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade— a visitar as instalacións do CTRIG. Como consecuencia desta inspección, que polo momento non é concluínte, acordouse suspender cautelarmente a actividade nun dos focos de emisión do devandito centro.

A decisión foi comunicada xa á Sociedade Galega de Residuos Industriais SA (Sogarisa), xestora da instalación, e a partir deste momento abrirase un período de 15 días por parte do Servizo de Intervención Ambiental para recompilar toda a información que se considere necesaria no marco da investigación aberta e resolver o expediente.

A maiores solicitáronse oficialmente a Sogarisa unha serie de datos e información sobre a actividade deste centro nas últimas 48 horas e, en paralelo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático está a realizar xa na zona distintas medicións sobre a calidade do aire.

Con todas as mostras e evidencias recompiladas e en función do resultado das inspeccións e da propia investigación sobre a posible orixe do foco de intoxicacións, a Consellería de Ambiente e Cambio Climático adoptará as medidas necesarias en aplicación da Lei de control e prevención integrados da contaminación (IPPC).

Data de actualización: 13/03/2025