O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, inaugurou esta tarde a reunión do grupo de traballo da dor oncolóxica da Sociedade Española da Dor
Gómez Caamaño salienta o incremento da atención á dor no Servizo Galego de Saúde, cun 40 % máis de consultas especializadas nos últimos catro anos
Remarca que o pasado ano estas unidades, presentes en todas as áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, acadaron as 44.000 consultas
Destaca a aposta da sanidade pública galega por reforzar os recursos e as accións destinadas ao tratamento e manexo integral da dor, con comités que coordinan a asistencia desde un enfoque integral
Subliña a importancia de contar con ferramentas tecnolóxicas como a plataforma TELEA, que permite monitorizar a dor crónica e facer un seguimento máis personalizado e continuado dos pacientes
Lembra que a Unidade de Dor do Hospital Universitario de Ourense foi a primeira de España en recibir a acreditación que concede a Sociedade Española de Calidade Asistencial
Ourense, 14 de marzo de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe o incremento da atención á dor no Servizo Galego de Saúde, cun 40 % máis de consultas especializadas nos últimos catro anos.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego, acompañado do xerente da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, interveu na inauguración da Reunión do grupo de traballo da dor oncolóxica: avanzando no enfoque integral do paciente con dor pélvica oncolóxica, que organiza a Sociedade Española da Dor.
Neste foro, Gómez Caamaño remarcou a actividade das unidades da dor, que tratan a dor de maneira efectiva e ofrecen un apoio incondicional aos pacientes. En concreto, no pasado ano, estas unidades chegaron a realizar máis de 44.000 consultas, superando amplamente as 31.000 feitas no ano 2020, aumento que, segundo o conselleiro, evidencia a crecente demanda deste servizo e a necesidade de seguir investindo tempo e recursos nel.
Na súa intervención, o conselleiro Incidiu en que o Servizo Galego de Saúde manifestou a vontade de reforzar os recursos e as accións destinadas ao tratamento e manexo integral da dor, de acordo co establecido na Estratexia de calidade e seguridade do paciente, documento elaborado por profesionais das sete áreas sanitarias e dirixido a humanizar o tratamento e a atención.
O máximo responsable da saúde da cidadanía galega tamén puxo en valor o papel dos comités da dor, que coordinan a actividade asistencial en todos os niveis e garanten un enfoque integral.
Así mesmo, subliñou a importancia de contar con ferramentas tecnolóxicas como a plataforma TELEA, que posibilita monitorizar a dor crónica e facer un seguimento máis personalizado e continuado dos pacientes, sobre todo dos oncolóxicos que teñen un maior risco asociado á medicación.
O conselleiro remarcou que a Unidade de Dor do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense foi a primeira de España en acadar, no ano 2022, a acreditación da dor oncolóxica que concede a Sociedade Española de Calidade Asistencial.
Tamén destacou o papel fundamental que desenvolve a Sociedade Española da Dor, promovendo a investigación, a formación e a divulgación.
Finalmente, Gómez Caamaño agradeceu o traballo de todos os profesionais que están comprometidos coa saúde da cidadanía e que apostan por un sistema que sitúa o paciente no centro do sistema.