A Xunta licita por máis de 280.000 euros as obras para a mellora de servizos e humanización do núcleo de Santa Ana, no concello de Sandiás

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finaliza o 14 de abril

Trátase de actuar neste núcleo da parroquia de Santo Estevo de Sandiás, que forma parte do contorno de protección de elementos do patrimonio cultural, e inclúe zonas concentradas e unha zona de montes en man común

Estas obras enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Vivenda e planificación de Infraestruturas, que asumirá o 70% do orzamento; e o Concello de Riós, que achegará o 30% restante

As intervencións forma parte do Plan Hurbe impulsado pola Xunta, co que se contribúe a promover o desenvolvemento dos núcleos rurais, como motores de dinamización

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, vén de licitar por 282.600 euros, as obras para a mellora de servizos e humanización do núcleo de Santa Ana, no concello de Sandiás.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finaliza o vindeiro 14 de abril.

A través deste contrato, ao abeiro do chamado Plan Hurbe impulsado polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, preténdese actuar neste núcleo da parroquia de Santo Estevo de Sandiás, que forma parte do contorno de protección de elementos do patrimonio cultural, e inclúe zonas concentradas e unha zona de montes en man común.

Así, coa licitación das obras trátase de proceder á renovación e ao soterramento dos servizos urbanos da rede de baixa tensión, a rede de telecomunicacións e a rede de iluminación pública. Así mesmo, está proxectada a reposición dos pavimentos na zona de intervención.

Estas actuacións enmárcanse nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, e suporán un investimento total de 322.615 euros. A través deste acordo a Xunta asume nun 70% as intervencións e o Concello de Sandiás achegará o 30% restante.

Data de actualización: 19/03/2025