Xa está en funcionamento o ascensor que a Xunta instalou no CEIP A Xunqueira 1
O delegado territorial puido comprobar a satisfacción do alumnado e o corpo docente con este ascensor que foi instalado grazas a un investimento da Xunta de preto de 180.000 euros
Reguera destacou o compromiso da Xunta cunha educación accesible que garanta a igualdade de oportunidades
Este ano 2025 arrancou a segunda fase do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica a través do cal a Xunta levará a cabo 61 grandes actuacións na provincia de Pontevedra por valor de preto de 65 millóns de euros
Pontevedra, 19 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEIP A Xunqueira 1, en Pontevedra, onde comprobou a satisfacción do alumnado e do corpo docente co novo ascensor instalado e que está en funcionamento dende finais do pasado ano 2024.
Trátase dun mecanismo que pretende eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar autonomía do alumnado con problemas de mobilidade. A instalación deste ascensor foi posible grazas a un investimento da Xunta de preto de 180.000 euros. Ademais, instalouse unha rampla accesible.
Reguera destacou a importancia de manter “un sistema educativo accesible para todos os nenos e nenas” e o compromiso da Xunta por “seguir eliminando calquera traba que dificulte o acceso á educación nas mellores condicións, para que o alumnado galego poida gozar dunha educación accesible que garanta a igualdade de oportunidades”.
Acompañado polo director territorial de Educación, César Pérez, e polo equipo directivo do centro, o delegado tamén aproveitou para visitar a aula de educación sensorial, que foi posible grazas a un investimento de preto de 8.000 euros e da que xa gozan varios alumnos e alumnas do centro.
Cabe destacar que, dende o ano 2009, a Xunta investiu máis de 300.000 euros en grandes obras no CEIP A Xunqueira 1.
Plan de nova arquitectura pedagóxica
Este ano arrancou a segunda fase do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que se levará a cabo durante os próximos tres anos e que prevé a execución de 61 grandes actuacións en centros educativos da provincia de Pontevedra por valor de preto de 65 millóns de euros.
O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que arrancou no ano 2021, rematará no ano 2028 cun investimento total en toda Galicia de preto de 500 millóns de euros que serán destinados á renovación de edificios educativos en toda a comunidade autónoma.