Belén do Campo anuncia a licitación por máis de 233.000 euros das obras da renovación da cuberta e mellora da eficiencia enerxética do CEIP Sal Lence da Coruña
A representante do Goberno autonómico visitou hoxe o centro educativo para anunciar esta actuación, que contará cun prazo de execución de 4 meses
A Coruña, 5 de maio de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Santiago Freire, visitou esta mañá o CEIP Sal Lence para anunciar a licitación das obras de renovación da cuberta e mellora das condicións de confort e eficiencia enerxética deste centro educativo coruñés, cun investimento total de 233.510 euros. Este centro de infantil e primaria conta cun total de 219 alumnos e destaca por apostar por proxectos innovadores como os polos creativos, o Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos ou a horta escolar. As empresas terán de prazo ata o 11 de maio para presentar as súas ofertas.
Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou que esta intervención “responde ao compromiso da Xunta de Galicia coa modernización das infraestruturas educativas e coa creación de espazos máis seguros, sostibles e confortables para o alumnado e para o conxunto da comunidade educativa”.
As actuacións previstas contan cun prazo de execución estimado de catro meses e permitirán acometer unha mellora integral nunha das zonas máis sensibles do edificio, actuando tanto na envolvente exterior como no acondicionamento interior do inmoble.
En concreto, o proxecto contempla a substitución da actual cuberta de fibrocemento por unha nova cuberta de panel sándwich, actuando sobre unha superficie total de 702 metros cadrados, co obxectivo de reforzar o illamento térmico, garantir unha maior durabilidade e eliminar materiais obsoletos.
Ademais, renovaranse por completo os elementos de recollida e evacuación de augas pluviais mediante a substitución de 63 metros de canalón e 58 metros de baixantes por novos elementos de aceiro galvanizado, máis resistentes e axeitados ás condicións climatolóxicas.
No ximnasio do centro levarase a cabo tamén a substitución das carpinterías exteriores por outras de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre, mellorando así tanto o comportamento enerxético como o confort acústico e térmico deste espazo de uso diario para o alumnado.
A maiores, instalarase un falso teito illado na zona baixo cuberta e executarase un novo revestimento interior da cuberta no ximnasio, sobre unha superficie de 510 metros cadrados, actuacións que contribuirán a optimizar a habitabilidade interior e a eficiencia do inmoble.
No marco desta intervención, a Xunta completará a modernización deste espazo coa renovación da iluminación existente por un novo sistema de luminarias LED, incorporando 32 unidades dotadas con equipos de regulación e detectores de movemento, o que permitirá reducir o consumo enerxético e avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos recursos.
A delegada da Xunta subliñou que “seguimos investindo na mellora dos centros educativos públicos da cidade da Coruña, priorizando actuacións que redundan directamente na seguridade, no benestar e na calidade das instalacións nas que se forman os nosos nenos e nenas”.
Finalmente, sinalou que esta obra se enmarca na folla de ruta da Xunta para continuar actualizando a rede de infraestruturas educativas de Galicia, adaptándoas ás necesidades actuais e futuras.
Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica
Belén do Campo lembrou que a Xunta de Galicia está a investir 24 M€ nun centenar de obras de modernización e rehabilitación nuns 40 centros educativos da cidade da Coruña no marco do Plan de Nova Arquitectura pedagóxica incluídas as grandes obras e as pequenas intervencións.
Do total do centenar de intervencións, 24 son grandes obras, a inmensa maioría xa finalizadas, por importe de máis de 14 M€. Entre as máis importantes rematadas destacan tres obras por importe de case 4 M€, en concreto a rehabilitación do IES Rafael Dieste (1,7 M€), e as melloras sectoriais no IES Salvador de Madariaga (1,7 M€) e no IES Ramón Otero Pedrayo (530.000 €).
A maiores dentro das 24 grandes obras, están en execución tres actuacións por importe de 3,7 M€. Trátase da rehabilitación integral do Centro Integrado de FP Ánxel Casal-Monte Alto (2,5 M€), do cambio de cuberta do Instituto Ramón Menéndez Pidal (725.000 €) e da cubrición da pista deportiva do IES Salvador de Madariaga (485.000 €).
Así mesmo, a maiores están a prepararse proxectos para outras 10 obras na cidade, cun orzamento inicial previsto de case 8,7 M€. Como a máis prioritaria figura a ampliación do IES Agra do Orzán (1,85 M€) e a cuberta do Sal Lence xa en licitación.