A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou o parque empresarial das Gándaras en Lugo

Lorenzana anuncia o incremento nun 28% da superficie do polígono industrial das Gándaras que acadará xa 1,6 millóns de m²

Explica que a Xunta saca hoxe a licitación o proxecto de urbanización de dúas novas fases de obras

Destaca que a aposta do Goberno galego por un desenvolvemento do solo industrial homoxéneo en toda a Comunidade

Insiste en que é crucial satisfacer a demanda de solo empresarial alí onde existe para continuar co desenvolvemento industrial que “estamos acelerando nos últimos anos”

As Gándaras (Lugo), 20 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou esta mañá o incremento nun 28% da superficie do polígono industrial das Gándaras ata chegar a 1.600.000 m², polo que dixo “estamos nun día importante para a cidade de Lugo e para toda a súa contorna”, dixo.

Lorenzana, visitou esta mañá o parque empresarial onde apuntou que a Xunta saca a licitación hoxe o proxecto de urbanización de dúas novas fases de obras (VI e VIIB) que supoñen 352.153 m², co que “con esta ampliación, a capacidade do parque pasa de 1,2 millóns de m² a 1,6 millóns”, subliñou.

Na súa intervención, a conselleira enmarcou esta actuación na estratexia de desenvolvemento de solo industrial en Galicia que está a levar a cabo o Goberno galego baseada “nun desenvolvemento homoxéneo en toda a Comunidade”, sinalou.

Neste sentido, insistiu en que “queremos apostar pola provincia de Lugo, pois cremos que ten moito potencial para o desenvolvemento de moitas empresas aquí e para nós é crucial satisfacer a demanda empresarial alí onde existe”.

Así, a titular de Economía e Industria explicou que a Xunta leva investidos case 60 millóns de euros só neste parque empresarial e lembrou que, ademais, no 2024 o Executivo autonómico concedeu máis de 400.000 euros para a mellora da seguridade e das infraestruturas dos polígonos que xa existen na provincia de Lugo. “Temos un compromiso con esta provincia que é clave para que toda a Comunidade Autónoma para continuar co desenvolvemento industrial que estamos acelerando nos últimos anos”, engadiu.

O parque empresarial das Gándaras é un parque consolidado no que xa hai máis de 130 empresas asentadas. As novas fases que se licitan servirán para mellorar as redes de comunicación do polígono industrial e a súa conexión exterior, de xeito que se mellora a accesibilidade e a súa integración e consolidación na malla urbana, unha demanda histórica dos empresarios.

Este polígono conta con dous accesos coa Ronda Norte, coas rúas Aller Ulloa, Ramón María (antes rúa A) e Cardóniga Carro, Rafael (antes rúa C) e a conexión co polígono industrial a través de dous pasos elevados co Polígono de o Ceao. A ampliación anunciada hoxe establece unha nova conexión co polígono do Ceao, conectando co paso elevado sobre a vía do ferrocarril na terminal de mercancías na marxe noroeste, o que permite á súa vez un acceso máis directo a autoestrada A6. Ademais, mellórase a seguridade da conexión coa estrada a Muxa xa que se resolve cunha rotonda a súa conexión.

O futuro desenvolvemento da urbanización que se saca a licitación, permite ter unha disposición escalonada do solo para atender a demanda presente e futura, de xeito que mentres se rematan as obras das fases que xa están executándose, xa se comeza a tramitación das novas fases que posibilitarán que As Gándaras non deixe de medrar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/03/2025