A Xunta adxudica as obras de acondicionamento da Alameda da praza, en Sober, onde se instalará unha pérgola para humanizar a contorna e acadar unha zona protexida no verán

Os traballos, adxudicados por case 57.000 euros inclúen a dotación de bancos e de iluminación pública mediante luminarias LED que permitirán un aforro enerxético

A actuación realízase ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, en apoio aos municipios para acondicionar equipamentos públicos e contornas urbanas co fin de mellorar a calidade de vida dos veciños

O investimento total das intervencións suma algo máis de 70.000€, dos que a Xunta financia o 70%, é dicir, 49.521€, e o Concello o 30% restante

Esta nova intervención dará continuidade á reforma realizada pola Xunta nesta praza en 2017, cun investimento de case 280.000€

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar, por un importe de 56.900 euros, as obras de acondicionamento da Alameda da praza do concello de Sober, onde se instalará unha pérgola para humanizar a contorna.

Os traballos, adxudicados á empresa Explotacións Medioambientais S.L.U,, levaranse a cabo de xeito conxunto na Alameda desta praza do municipio lucense, onde se prevé a colocación desta pérgola, que ademais de acadar un punto de encontro de veciños e visitantes, funcionará como un espazo de refuxio para días de calor.

Ademais, esta zona dotarase de bancos e habilitarase a instalación de iluminación pública mediante luminarias LED, que permitirán un aforro enerxético. Tamén se disporá arborado e plantas para embelecer esta contorna e contribuír a xerar sombras.

Este proxecto se impulsa a través do Plan Hurbe do Goberno galego, da apoio aos municipios para mellorar a calidade de vida dos veciños. Con este programa, a Xunta colabora no financiamento da dotación de equipamentos públicos ou a mellora de contornas urbanas.

O investimento total das intervencións sumará algo máis de 70.000€, dos que a Xunta financia o 70%, é dicir, 49.521€, e o Concello o 30% restante, 21.2243€.

Estes traballos darán continuidade á reforma realizada pola Xunta nesta praza en 2017, cun investimento de case 280.000€ que permitiu abordar unha remodelación.

Data de actualización: 21/03/2025