A Xunta financia con 60.000 euros as obras de mellora do Hotel Ría Mar, en Meaño
As subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración beneficiaron a máis de 55 aloxamentos e unha decena de locais de restauración da provincia de Pontevedra por valor de máis de 1,6 millóns de euros, dos cales preto de un millón corresponden a empresas da comarca do Salnés
A nova convocatoria desta liña de axudas xa está aberta e conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros para toda Galicia
O Grove (Pontevedra), 28 de febreiro de 2025
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o Hotel Ría Mar, no concello de Meaño, con motivo das actuacións realizadas ao abeiro das subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de aloxamentos e restauración que ofrece a Xunta a través de Turismo de Galicia.
Os xerentes do espazo melloraron a instalación de fontanaría e electricidade, instalaron un novo sistema de incendios e renovaron a pintura do edificio grazas a unha achega de preto de 60.000 euros, coa que a Xunta cubriu o 60 % do orzamento dos traballos.
Cabe destacar que na provincia de Pontevedra beneficiáronse destas axudas máis de 55 aloxamentos e unha decena de locais de restauración por valor de máis de 1,6 millóns de euros, dos cales preto dun millón corresponden a empresas da comarca do Salnés.
O delegado territorial aproveitou a visita para poñer en valor a “excelencia do sector turístico galego” e asegurou que “a Xunta seguirá apoiando aos empresarios e empresarias que arriscan o seu patrimonio para xerar riqueza e emprego na nosa comunidade autónoma”.
A convocatoria deste ano conta con 1M€ máis de orzamento, co que o sector contará con 4,5M€ en toda Galicia para estas actuacións.