A Xunta organiza esta fin de semana un curso de deseño de actividades teatrais para divulgar os valores dos espazos naturais de Galicia

A formación, que se imparte hoxe e mañá no centro de visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, vai dirixida a educadores ambientais, guías turísticos e profesionais interesados na interpretación do patrimonio natural e cultural

Os obxectivos principais son facilitar ferramentas para desenvolver e elaborar rutas teatralizadas e outras actividades, aprender técnicas de interpretación e fomentar a creatividade no uso de recursos teatrais aplicados ao turismo sostible

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2025

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, organiza hoxe e mañá en Vigo un curso de deseño de actividades teatrais para contribuír a divulgar os valores dos espazos naturais da comunidade.

O Centro de visitantes do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia acollerá a formación, que se dividirá en dúas xornadas completas en horario de mañá e tarde. En total, son 25 as persoas participantes entre as que figuran educadores ambientais e guías turísticos así como outro tipo de profesionais interesados e vencellados á interpretación do patrimonio natural e cultural destes espazos.

Entre os obxectivos fundamentais do curso cómpre destacar, entre outros, facilitar aos asistentes ferramentas para adquirir habilidades orientadas ao deseño e desenvolvemento de rutas teatralizadas e outro tipo de actividades en espazos naturais, aprender técnicas de interpretación do patrimonio que albergan ou fomentar a creatividade dos profesionais no uso de recursos teatrais aplicados ao turismo sostible.

Así mesmo, tamén se busca formalos para a posta en valor do medio natural a través de experiencias inmersivas ou no emprego de recursos didácticos para a realización de actividades teatralizadas no medio natural, ao tempo que se proporá aos participantes traballar en grupo na creación e representación dunha historia.

De feito, as dúas xornadas estrutúranse cunha metodoloxía de aprendizaxe pola vía da experimentación a través de obradoiros prácticos, dinámicas grupais e simulacións reais en contornas naturais.

Con tal fin, o programa inclúe cinco sesións centradas en diferentes fases do proceso. Así, comezará cunha introdución ao deseño de actividades teatralizadas, a posta en común das principais ferramentas e recursos necesarios para levalas a cabo, tanto materiais como narrativos, e de técnicas básicas interpretativas e de comunicación.

Ademais, tamén se afondará no deseño e planificación deste tipo de rutas, tendo en conta criterios de accesibilidade e seguridade, a integración de elementos naturais e culturais na narrativa, e de estratexias para transmitir mensaxes de conservación e respecto medioambiental da contorna. Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo tras completar o curso.

Data de actualización: 22/03/2025