O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración reúnese co novo secretario xeral da UXT de Galicia no marco do fortalecemento do diálogo social
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse hoxe co novo secretario xeral da Unión Xeral de Traballadores (UXT) de Galicia, Cristóbal Medeiros, e o secretario de administración desta entidade, Rafael Vázquez, dentro do proceso de escoita activa cos principais axentes socioeconómicos de Galicia e do fortalecemento do Diálogo Social. Na xuntanza, o conselleiro ofreceu a colaboración do Goberno galego á nova dirección desta entidade a prol dun mercado de traballo dinámico, inclusivo e que xere emprego de calidade e recoñeceu o traballo á fronte de UXT Galicia do anterior secretario xeral, José Antonio Gómez, ao longo de dúas décadas.
Nesta liña, desde o Goberno galego incidiuse na importancia do Diálogo Social e a colaboración público-privada para abordar as novas realidades e desafíos do mercado laboral -entre eles a redución da xornada, a cobertura de vacantes, a loita contra o absentismo non xustificado ou a prevención de riscos laborais- e continuar dinamizando a economía sempre en coordinación e buscando consensos. Con esta premisa, a Xunta traballa na institucionalización do Diálogo Social a través dun borrador de decreto que presentou en febreiro a patronal e sindicatos co fin de potenciar este espazo de diálogo.