A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse co alcalde da localidade
Ángeles Vázquez e o alcalde de Muíños avalían vías de colaboración para mellorar os servizos de saneamento e abastecemento de auga no municipio
Analizaron os proxectos municipais tanto para mellorar a rede de tratamento de augas residuais como para construír depósitos de auga potable
Acordaron colaborar na realización de actuacións de mellora na senda do Parque Forestal Outeiro da Cela
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, avaliaron hoxe varios proxectos municipais en materia de augas e patrimonio natural.
Así, durante o encontro o alcalde trasladou á conselleira a necesidade tanto de construír dous novos depósitos de auga potable en Pazó e Picós como de cambiar a tubaxe desde a captación ao depósito en Couso de Salas.
En materia de saneamento, a conselleira e o rexedor abordaron o interese municipal en mellorar as redes de tratamento de augas e de pluviais desde a zona de Tourós ata a estación depuradora de augas residuais (EDAR) da localidade.
A conselleira explicoulle ao rexedor que os técnicos de Augas de Galicia estudarán estas iniciativas de cara a establecer vías de colaboración para acometelas, tanto desde o punto de vista técnico como de financiamento.
Nesa liña, a conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
A maiores, no encontro a conselleira e o alcalde analizaron os proxectos municipais para desenvolver varias sendas na localidade coas que poñer en valor o patrimonio natural da zona. Neste eido acordaron colaborar para a realización de actuacións de mellora na senda do Parque Forestal Outeiro da Cela.