A Xunta instalará nesta campaña 20.000 trampas para capturar raíñas en niños primarios no marco das medidas de choque fronte a vespa velutina

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, lembrou o éxito desta medida o ano pasado cando se puxo en marcha en modo de proba e permitiu reducir os avisos nun 46% coa captura de máis de 113.200 raíñas

O Goberno galego tamén renovou a encomenda a Seaga para a retirada de niños desta especie como os máis de 18.700 eliminados ou neutralizados en 2024

Diego Calvo instou á cidadanía a contactar co teléfono 012 cando se detecte un niño de vespa velutina co obxectivo de loitar en conxunto contra esta praga

Oleiros (A Coruña), 28 de marzo de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, colocou hoxe en Oleiros a primeira das 20.000 trampas para actuar nos niños primarios de vespa velutina, que son os primeiros en aparecer, e capturar ás raíñas. En concreto, no municipio oleirense instalaranse 389 trampas, cinco máis que o ano pasado. Ao acto tamén asistiu a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto.

Como explicou o conselleiro, este trampeo planificado, selectivo e xeolocalizado está avalado por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores, dándolle resposta a unha das principais demandas dos colectivos afectados pola avespa velutina. Esta actuación diríxese especialmente á captura das raíñas, que no proxecto piloto levado a cabo en 2024 xa supuxo a instalación dunha cifra similar de trampas con máis de 113.200 raíñas atrapadas. De feito, grazas a esta medida, o número de avisos xestionados por Seaga reduciuse o ano pasado nun 46%, ao pasar dos 49.400 de 2023, cando se producira un aumento elevado de avisos, aos 26.200.

A actuación sobre os niños primarios contribúe evitar a súa proliferación e a aparición de futuros niños secundarios. Debido ao seu carácter selectivo e co uso de trampas adecuadas minimízanse os posibles efectos secundarios negativos derivados da posible captura doutras especies. Segundo se explicou no acto de hoxe por parte de representantes de Seaga, para fixar o lugar de instalación levase a cabo unha análise previa cos datos da ubicación dos niños localizados no exercicio anterior co obxectivo de potenciar a súa efectividade. As trampas instaladas revísanse cada 10 ou 15 días.

Esta actuación sobre os niños primarios co trampeo enmarcase nas medidas de choque contra esta especie. Nesta liña, estanse a organizar actividades de formación dirixidas ao persoal de campo encargado de colocar, revisar e retirar as trampas, e impartiranse charlas informativas e de divulgación por toda a comunidade para que a cidadanía coñeza o ciclo da vespa velutina, a súa expansión e as consecuencias negativas  socioeconómicas e ambientais da súa implantación coa finalidade de loitar de maneira conxunta contra esta praga. Tamén se está a impulsar a investigación científica para coñecer o seu comportamento e determinar o método máis efectivo para evitar a súa propagación.

Cómpre lembrar que estas medidas forman parte, á súa vez, do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado en 2020 entre o Goberno galego e Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Este plan complétase coa retirada dos niños, da que a Xunta xa renovou un ano máis a encomenda á empresa pública Seaga. O Goberno galego pretende ofrecer así unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos 313 concellos galegos para a eliminación ou neutralización de niños desta especie. Na visita de hoxe, o conselleiro comprobou o equipamento de Seaga co que a Xunta dota aos efectivos para garantir a súa seguridade nos operativos.

O plan centralizado de retirada de niños de avespa velutina acordado cos concellos permitiu a retirada de máis de 18.700 niños o ano pasado. A Coruña foi a provincia que rexistrou un maior número de niños eliminados ou neutralizados en 2024 con máis de 8.600 -439 deles en Oleiros-, seguida dos máis de 5.800 da provincia de Pontevedra. En Lugo e Ourense retiráronse e neutralizáronse máis de 2.000 e máis de 2.200 niños, respectivamente.

Desde a alerta recibida no Teléfono de  Atención e Información á Cidadanía 012, procédese á súa retirada no menor tempo posible, se ben hai casos onde os niños son inalcanzables ou dificilmente accesibles e requiren actuacións complementarias ou permisos administrativos ou de propietarios. Cando se corresponden cunha urxencia ou son de risco especial derívanse aos servizos de emerxencia do 112 para a súa retirada inmediata. 

Ademais, nos meses de verán reforzase a liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para atender os avisos de niños de velutina, coincidindo coa época de maior proliferación da especie. Diego Calvo incidiu na importancia da colaboración cidadá e na necesidade de contactar co teléfono 012 cando se detecte un niño de avespa velutina para informar da súa presenza. Como vías complementarias ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 para comunicarlle á Xunta a presenza de niños de avespa velutina un chatbot e un axente virtual.

Lembrou que o Goberno galego avanza cada ano na implantación das novas tecnoloxías para habilitar novas formas de contacto coa cidadanía. Así, a aplicación Controlvelutina, permite que os efectivos de Seaga actualicen un seguimento de cada aviso. Xa se realizou ademais a súa integración cos servizos de emerxencias do 112, para que se poidan mobilizar os medios de retirada nos casos máis urxentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/03/2025