A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou hoxe no izado das bandeiras da senda do Laño, en Poio, e do río Chanca, en Meaño

Ángeles Vázquez subliña o potencial turístico dos 54 sendeiros azuis distinguidos en Galicia, que concentra un terzo das rutas galardoadas este ano en todo o país

Destaca os 32 recoñecementos outorgados pola Asociación de educación ambiental e do consumidor en Pontevedra, a provincia española con máis rutas azuis en 2025

A responsable autonómica chama á cidadanía a coñecer estes itinerarios como unha forma diferente de achegarse ás contornas naturais e gozar do ocio ao aire libre

Poio (Pontevedra), 29 de marzo de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá o potencial turístico e ambiental que teñen as 54 rutas galardoadas en Galicia este ano no marco da convocatoria Bandeira Sendeiro Azul, un programa da Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) que premia e recoñece a posta en valor de itinerarios peonís mediante a súa transformación en contornas naturais respectuosas, resilientes e sostibles.

Acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, a conselleira participou esta mañá no izado dos distintivos que acreditan como sendeiros azuis as rutas do Laño, en Poio, e do río Chanca, en Meaño, logo de que o 26 de marzo se celebrara en Murcia o acto de entrega formal das bandeiras a todos os galardoados.

Do mesmo xeito, subliñou que as 54 rutas azuis que hai na Comunidade suman máis de 388 quilómetros e representan un terzo das 154 recoñecidas en 2025 no conxunto do país. Ademais, destacou en especial o caso de Pontevedra, que é a provincia española que concentra un maior número de rutas (un total de 32) con este galardón.

En concreto, a responsable autonómica referiuse aos catro sendeiros azuis localizados en Poio, sendo o de Laño, unha ruta dun quilómetro e que discorre por varias praias con vistas á ría de Pontevedra, o primeiro en lucir a súa bandeira. Así mesmo, no caso de Meaño, destacou que este concello logra o recoñecemento por primeira vez, concretamente, para a senda do río Chanca, que desde hoxe xa ten izado o distintivo.

Neste sentido, Ángeles Vázquez fixo un chamamento á cidadanía para animala a coñecer a súa contorna percorrendo algún dos 54 sendeiros azuis galegos xa que son unha forma diferente de achegarse á natureza e gozar do seu tempo de lecer ao aire libre.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/03/2025