As axudas para deportistas de alto nivel acadan preto do millón de euros en 2024, un 32 % máis que en 2023 cando xa se rexistrara o récord histórico
Das 450 axudas da segunda fase, a federación máis representada foi a de piragüismo con preto do 20 % das axudas. Ademais, 200 foron para mulleres (44%) e 250 para homes (56%)
Santiago, 1 de abril de 2025
As axudas da Xunta de Galicia para os deportistas, técnicos, adestradores, xuíces e árbitros de alto nivel veñen de acadar un novo récord en 2024 ao chegar a preto de 1 millón de euros (958.120 euros). Esta cifra conséguese grazas ás 65 axudas para os deportistas olímpicos e paralímpicos Galicia-París 2024, que contaron cun orzamento de 436.500 euros e que foron resoltas na primeira fase, e que agora se suman ás 450 axudas que veñen de ser concedidas por importe de 521.620 euros na segunda fase dirixida aos deportistas de alto nivel con recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2023 e 2024, en función dos seus resultados. Cómpre salientar que, este orzamento de 1 millón de euros é o máximo histórico consignado ás axudas para os deportistas de alto nivel, superando nun 32% ao destinado en 2023 (726.500 euros).
Destas 450 axudas, a federación máis representada foi a de piragüismo con preto do 20% das axudas. No top 10 de federacións con maior número de axudas tamén destacan, ademais, taekwondo, salvamento e socorrismo, vela, tríatlon e péntatlon moderno, kickboxing, deporte adaptado, orientación, judo e patinaxe. Do total das axudas, 200 foron para mulleres (44%) e 250 para homes (56%).
No caso dos deportistas foron concedidas unha axuda DGAN 1 (8.000 euros) a Anxo Vidal (kickboxing); catro axudas DGAN 2 (6.000 euros) a Alberto Abalde (baloncesto), David Arcay (pesca), Claudia Couto (piragüismo) e Martín Wizner (vela); 22 axudas DGAN 3 (4.000 euros) a Rubén Fernández (motociclismo), Sara Guerrero (tríatlon), Jorge Casales (motociclismo), Antía García (salvamento e socorrismo), Alberto Gaitero (judo), Raquel Carrera (baloncesto), Erik Noya (montañismo) ou Esteban Basanta (tríatlon), entre outros; 90 axudas DGAN 4, de 2.000 euros a Miguel Alvariño (tiro con arco), Carla Carrón (natación), José Cuba (loita), Tania Castiñeira (taekwondo), Víctor Castro (halterofilia) ou Helena García (taekwondo), entre outros; 71 axudas DGAN 5 (1.000 euros) a Nikol Carulla (bádminton), Jorge Maciel (vela), Irene Martínez (halterofilia) ou Iván Ares (automovilismo) entre outros; así como 238 Axudas DGAN 6 (entre 250 e 1.000 euros); a María Teresa Ropero (billar), Xavier Santos (karate), Almudena Quereda (natación adaptada) , Johan Sebastian Guzmán (patinaxe) ou Jacobo Copa (patinaxe), entre outros.
Os técnicos e adestradores foron beneficiados con 3 axudas TA2 (3.000 euros) a Javier Fernández (balonmán), José Manuel Vázquez (piragüismo) e José Ángel Torres (taekwondo); 5 axudas TA3 (2.000 euros) a Marcial Romero (judo), Antonio Barreiro (piragüismo), Óscar Carrera (piragüismo), Juan Amando Guerrero (triatlon) e Marcos Fernández (vela); así como 7 Axudas TA4 (1.000 euros) a Cristina Cantero (baloncesto), Ferenz Szabo (halterofilia), Carlos Álvarez (taekwondo) ou Cristóbal Boudjenane (taekwondo), entre outros.
Por último, tocante aos árbitros e xuíces, outorgáronse 2 axudas AX1 (3.000 euros) a Mónica Flores (triatlon) e Zeltia Natividade García (ximnasia); 4 axudas AX2 (2.000 euros) a Zulema González (fútbol), Alejandro Muñiz (fútbol), María Iria Rosendo (fútbol) e Diego Sánchez (fútbol); así como 3 Axudas AX3 (1.000 euros) a María Eugenia Gil (fútbol), Guillermo Sandino (atletismo) e Lorena Novas (fútbol).