A Xunta salienta en Mañón a contribución do programa Leader á creación de emprego e á dinamización das zonas rurais

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou o campamento de turismo O Recuncho do Sor, situado nesta localidade coruñesa, que contou cunha axuda de preto de 77.000 euros a través deste programa

A titular do departamento explicou que proxectos coma este teñen unha repercusión “moi positiva” sobre o tecido social e económico das zonas rurais, mellorando as condicións para crear e manter postos de traballo

Mañón (A Coruña), 1 de abril de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e polo alcalde de Mañón, Alfredo Novale, visitou o campamento de turismo O Recuncho do Sor, situado nesta localidade e que foi posto en marcha con axudas do programa Leader. Na visita, a conselleira salientou a contribución desta medida á creación de emprego e á dinamización das contornas rurais.

Cun investimento de preto de 77.000 euros, este proxecto levou a cabo obras civís e de instalacións; así como estudos ou gastos de constitución e adquisición de terreos ou inmobles. Esta iniciativa, segundo destacou a conselleira, foi promovida polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura 22 para dispoñer dun aloxamento turístico singular con capacidade para 16 prazas e unhas instalacións adaptadas para persoas con mobilidade reducida.

Neste sentido, a titular do departamento puxo en valor o traballo dos grupos de desenvolvemento rural e o seu apoio a proxectos como O Recuncho do Sor que, a través da medida Leader, impulsou este espazo de turismo que contribúe a dinamizar as contornas rurais.

Programa Leader

Este programa afonda na mellora das condicións para crear e manter emprego no rural, así como a impulsar a economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación. A medida atópase actualmente baixo o Plan Estratéxico da Política Agraria Común e asinouse un convenio de colaboración cos GDR para a aplicación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.

Deste xeito, o programa está dotado de 56,9 millóns de euros ata 2027, dos cales 17,6 millóns están destinados aos gastos de funcionamento e os 39,6 millóns adicionais son para as operacións a terceiros que se executarán a través de liñas de achegas.

Anteriormente, mentres a medida Leader estivo enmarcada no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, aprobáronse máis de 1.500 proxectos, consolidáronse máis de 4.000 empregos e creáronse uns 1.100 novos. Neste contexto o Goberno autonómico mobilizou máis de 169 millóns de euros cunha axuda pública de 77,5 millóns de euros para operacións a terceiros.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2025