O presidente asistiu hoxe en Santiago de Compostela á entrega dos XIII Premios Ramiro Carregal

Rueda destaca o liderado de Galicia na investigación oncolóxica e reafirma o compromiso da Xunta co avance científico

Salienta o papel de Galicia como comunidade pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais para a detección precoz da enfermidade

Reivindica o emprego de tratamentos innovadores, incluíndo a futura posta en marcha dun centro propio de fabricación de fármacos CAR-T

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na cerimonia de entrega dos XIII Premios de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal, considerados unha das distincións máis sobresaíntes no eido da investigación biomédica en España.  

Os galardóns contaron con dúas homenaxeadas: a doutora Manuela Gago, receptora do Premio Internacional de Investigación Oncolóxica e Científica polo seu traballo á fronte do Grupo de Xenética e Epidemioloxía do Cancro no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago; e a doutora Noelia Tarazona, galardoada co VI Premio a Talentos Emerxentes, pioneira no uso de biopsia líquida na detección de cancro colorrectal, especialista en Oncoloxía Médica no Hospital Clínico Universitario de Valencia e investigadora do Instituto de Investigación Biomédica INCLIVA.

Rueda salientou o liderado e a excelencia dos profesionais galegos na investigación contra o cancro e o papel destacado de Galicia dentro do sector. Subliñou que estes premios demostran o compromiso de Galicia pola investigación para mellorar a vida das persoas.

O presidente da Xunta remarcou a aposta da Administración autonómica por reforzar áreas como a prevención, a detección precoz, o diagnóstico avanzado e o acceso equitativo a tratamentos innovadores. Neste senso, lembrou as dúas estratexias fundamentais activadas en Galicia para a loita contra a enfermidade: a Estratexia de Xestión do Cancro, que combina medidas de saúde pública con melloras asistenciais; e a Estratexia de Oncoloxía de Precisión, posta en marcha en 2014, que impulsa a aplicación de terapias personalizadas para mellorar a eficacia dos tratamentos.

Proxectos pioneiros contra o cancro

O xefe do Executivo autonómico salientou o papel de Galicia como comunidade pioneira na introdución e extensión de cribados poboacionais para a detección precoz da enfermidade. No marco destas actuacións, puxo en valor o proxecto MamoRisk, liderado pola premiada Manuela Gago, que permitirá un cribado personalizado do cancro de mama.

Igualmente, Rueda reivindicou o emprego de tratamentos innovadores para a doenza, incluíndo a futura posta en marcha dun centro propio de fabricación de fármacos CAR-T, dotado con 2,5 millóns de euros, que permitirá seguir impulsando a oncoloxía de precisión. A esta iniciativa cabe engadir a construción do Centro de Protonterapia de Galicia, primeiro en aplicar esta técnica avanzada, e que atenderá os primeiros pacientes en 2026.

O presidente salientou, así mesmo, o papel clave dos institutos de investigación biomédica galegos para os fitos acadados. O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña consolidan Galicia como referente nacional en investigación oncolóxica. Rueda concluíu afirmando que a investigación galega é un activo fundamental para o benestar da sociedade, e que seguiremos liderando o camiño cara un futuro no que a ciencia permita controlar e curar esta enfermidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2025