A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático clausurou o ‘Encontro do sector eólico: análise das sentenzas do Tribunal Supremo’

Ángeles Vázquez agarda que se poña fin á parálise xudicial de proxectos eólicos en Galicia tralos fallos do Supremo que avalan a tramitación da Xunta

A conselleira asegura que a comunidade se atopa nunha situación insólita en canto ao desenvolvemento deste tipo de enerxía renovable, perdendo a oportunidade de captar investimentos e de crear emprego

O Executivo galego confía en que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia reactive os máis de 60 proxectos paralizados para que o sector poida desenvolvelos e que non aparezan novos obstáculos que freen este tipo de iniciativas

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembra que a Comisión Europea recoñeceu o interese público de interese superior da implantación das renovables

A instalación dos parques eólicos suspendidos tería un impacto ambiental moi positivo pois permitiría reducir en 2,5 millóns de toneladas as emisións de CO2 ao ano, o equivalente ao que emiten anualmente máis de dous millóns de coches

A Xunta traslada ás empresas do sector a vontade de seguir colaborando con elas na implantación da eólica na comunidade velando pola protección ambiental

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mostrou hoxe a súa confianza en que as catro resolucións xudiciais emitidas polo Tribunal Supremo que avalan a tramitación dos proxectos eólicos da Xunta permitan poñer fin á paralización que sufre o sector na comunidade como consecuencia das suspensións decretadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) nos últimos anos.

A responsable autonómica lamentou durante a clausura do Encontro do sector eólico: análise das sentenzas do Tribunal Supremo que a autonomía se atopa nunha situación insólita en canto ao desenvolvemento deste tipo de enerxía renovable, perdendo a oportunidade de captar investimentos e de crear emprego. De feito, froito desta parálise, Galicia pasou de ser a primeira comunidade española en implantación de renovables a situarse actualmente en cuarto lugar.

Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático manifestou a satisfacción da Xunta polo aval do Supremo e confiou en que o TSXG reactive os máis de 60 proxectos paralizados para que o sector poida retomar o seu desenvolvemento e que non xurdan novos obstáculos que freen este tipo de iniciativas no territorio galego.

Resolucións xudiciais

Nesta liña, lembrou que o TSXG paralizou inicialmente os proxectos cuestionando o procedemento seguido pola Xunta na tramitación ambiental e posteriormente recorreu ao argumento de que había fragmentación. Non obstante, dúas resolucións do Tribunal Supremo confirmaron que a tramitación ambiental dos parques eólicos realizada polo Executivo galego é totalmente correcta e outras dúas certificaron que non existe fragmentación aínda que se tramiten como proxectos diferentes dous parques que comparten elementos como poden ser unha subestación ou o tendido eléctrico.

Ángeles Vázquez incidiu en que a situación vixente carece de sentido especialmente tendo en conta que a Comisión Europea declarou de interese público superior a implantación de renovables como medida para facer fronte ao cambio climático contribuíndo a substituír as enerxías fósiles e emitindo menos dióxido de carbono (CO2).

Neste sentido, a conselleira subliñou que se os parques eólicos proxectados e suspendidos estiveran en funcionamento, Galicia emitiría 2,5 millóns de toneladas de CO2 menos ao ano, o equivalente ás emisións de máis de 2 millóns de coches circulando durante todo un ano e a cuarta parte do que ten que deixar de emitir a comunidade para acadar a neutralidade climática en 2040.

Por iso, a responsable autonómica salientou a importancia de poñer en funcionamento novos parques eólicos e de dar seguridade xurídica ás empresas para desenvolver unha enerxía renovable que é vital para facer fronte ao quecemento global. Nesta liña, trasladou a vontade da Xunta de seguir colaborando coas empresas na implantación da eólica na comunidade velando, como sempre fixo, pola protección ambiental.

De feito, remarcou, así o avalan as máis de 1.500 avaliacións ambientais tramitadas pola Administración galega desde 2011, que ninguén cuestionara ata as resolución emitidas polo TSXG. Delas, arredor dun terzo das que se tramitan adoitan ser desfavorables e mesmo as favorables fixan condicionantes de obrigado cumprimento ou medidas compensatorias para velar polos valores que é preciso protexer na contorna.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2025