O piloto lucense Alonso Liste disputará o campionato europeo de montaña cun vehículo de F3 adaptado no CIFP As Mercedes

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou na presentación que este é o único centro público de España que oferta o ciclo superior de Automoción especializado en competición

Lugo, 2 de abril de 2025

O piloto lucense Alonso Liste presentou hoxe no CIFP As Mercedes o novo vehículo Tatuus F3 T318 co que disputará este ano o Campionato Europeo de Montaña e que foi modificado e posto a punto no instituto lucense. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou durante o acto que este é único centro público de España que oferta o ciclo superior dual de Automoción especializado en vehículos de competición.

O alumnado do primeiro curso da especialidade, coa tutela do profesorado, traballou desde o mes de decembro para adaptar o coche ás esixencias desta competición. Ao respecto, Liste sinalou que “levamos moitas evolucións feitas, sobre todo na parte mecánica”, e subliñou que será “unha primicia a nivel europeo porque é o primeiro coche deste tipo que sae dos circuítos para correr en montaña”.

Alonso Liste confiou nos últimos anos no CIFP As Mercedes para a posta a punto dos seus vehículos de competición, antes o Ginetta G55 e agora o Tatuus F3. A primeira proba para este chegará o 14 de abril coa carreira de Saint Jean du Gard-Col Saint Pierre, en Francia. O campionato europeo contempla outras dez probas, entre elas a única española, a Subida al Fito en Asturias. Ademais, disputará na provincia a Subida a Chantada e a da Pontenova.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/04/2025