A Xunta instala paneis informativos para sensibilizar á cidadanía sobre a área de risco de inundación do río Belelle, no concello de Neda

O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos que entrañan estas zonas e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a instalar preto dunha quincena de paneis informativos na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) do río Belelle, no concello de Neda, para sensibilizar á cidadanía sobre os perigos que entrañan estas zonas así como sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo.

Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e a reforzar a seguridade e autoprotección cidadá, un traballo que se enmarca no Plan estratéxico de divulgación das Arpsi e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa. Ata o momento xa se colocaron estes indicadores en concellos como Carballo, Sanxenxo, Bueu, Vimianzo, Zas ou Sada.

Augas de Galicia reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible dos asolagamentos en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas cumprindo co Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) vixente ata 2027.

A instalación dos paneis informativos en Neda enmárcase no contrato para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de preto de 700.000 euros.

Ao abeiro deste contrato e dentro do Plan estratéxico de divulgación das Arpsi tamén se desenvolveron obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das Arpsi para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2025