A Xunta salienta en ‘Poio Mostra’ a importancia das feiras como ferramenta de dinamización e visibilidade do comercio local

Poio (Pontevedra), 4 de abril de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde, acompañado polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, a segunda edición da feira Poio Mostra —organizada polo municipio pontevedrés— na que participan mais de trinta negocios do concello e da comarca de diferentes sectores, como alimentación, moda, complementos, decoración ou xardinería. Ademais conta cunha exposición de vehículos de ocasión ubicada no exterior.

Na visita, Gabriel Alén destacou o papel destas feiras e o traballo dos comerciantes locais no labor de dinamización e pulo do comercio de proximidade, non só como unha canle idónea para incentivar as vendas e impulsar a atracción de novos clientes, senón tamén polo seu rol fundamental na vitalidade das localidades, atraendo visitantes e dinamizando a vida económica e social. A este respecto, lembrou que esta semana se presentou o novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 millóns de euros para seguir impulsando este sector crucial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2025