O presidente da Xunta asistiu hoxe á celebración do XXIV Medio Maratón Gran Bahía
Rueda reivindica a Vig-Bay como unha cita deportiva de referencia e símbolo dos valores galegos
Salienta “o espírito de superación, o esforzo compartido e o amor polo deporte” como parte da identidade galega
Apunta ao deporte como necesario para o desenvolvemento persoal, como garantía de benestar e saúde e como motor económico de Galicia
Vigo, 6 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe á saída do XXIV Medio Maratón Gran Bahía Vig-Bay, unha proba organizada polo Club de Corredores VIg-Bay e que abrangue un percorrido urbano e interurbano de máis de 21 quilómetros nos termos municipais dos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona.
Rueda salientou o carácter emblemático desta proba dentro e fóra da Comunidade, así como a súa capacidade para unir deporte, turismo e identidade galega. O presidente puxo en valor o esforzo dos participantes, sinalando que o espírito deportivo de superación que define este percorrido é un reflexo dos valores da sociedade galega. “Esta proba é moito máis que unha carreira: é unha experiencia única. O importante non é a posición de chegada, senón o camiño percorrido”, afirmou.
O xefe do Executivo autonómico salientou a singularidade do trazado da Vig-Bay, que percorre enclaves emblemáticos como Samil ou Panxón. “Aquí combínanse o mar, a montaña, o ambiente festivo e a hospitalidade, marcas claras da nosa Comunidade”, sinalou.
A proba tivo lugar coincidindo coa celebración do Día Internacional do Deporte para o Desenvolvemento e a Paz. Neste senso, o titular do Goberno galego reivindicou a importancia do deporte tanto para o crecemento persoal, garantía de benestar e saúde, e tamén como motor económico, garantindo o compromiso da Xunta no fomento do deporte. “O deporte”, sinalou Rueda, “xera un impacto directo e indirecto de máis de 900 millóns de euros na nosa economía e crea máis de 22.000 postos de traballo”.
A este respecto, o líder galego definiu a Galicia como unha “Comunidade polideportiva”, que en 2024 acadou un récord de case 320.000 licencias deportivas, das cales máis de 98.000 son femininas, cifra tamén inédita.