A Xunta denuncia o agravio continuo a Galicia por parte do Goberno central nos servizos de transporte ferroviario
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, detallou hoxe no Parlamento galego os investimentos que seguen pendentes, as incidencias continuas e as promesas incumpridas
Lembrou a falta de concreción de obras e prazos do Plan Director do Corredor Atlántico
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, denunciou hoxe no Parlamento galego o “agravio continuo” a Galicia por parte do Goberno central no que se refire ao servizo de transporte ferroviario, do que destacou a súa “precariedade” debido a unha xestión ineficiente do Executivo estatal.
Puxo como exemplo a decisión do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible de ampliar os tempos de demora para recibir indemnizacións polo retraso dos trens de alta velocidade, o que segundo o conselleiro, supón “un recoñecemento implícito de que o incumprimento dos prazos ía ser habitual”. Nesta liña, lembrou os incumprimentos dos compromisos do Goberno central tanto en frecuencias como en tempo de percorrido cos trens Avril. De feito, non se incrementaron as frecuencias e mantéñense as 10 que xa había en 2021 antes da posta en funcionamento dos Avril e tampouco se recuperaron as dos de media distancia que se suprimiran durante a pandemia da covid.
A isto, -engadiu Diego Calvo- súmanse as constantes incidencias e avarías nos trens Avril, nos Avlo de baixo custo e nos de media distancia.
No que se refire ás obras pendentes en materia ferroviaria, o conselleiro incidiu nas infraestruturas do Plan Director do Corredor Atlántico, dos que a Xunta aínda non coñece as cifras e prazos concretos que manexa o Ministerio sobre a relación de obras e o horizonte temporal da súa execución. Xunto con esta infraestrutura estratéxica que inclúe a liña Vigo-Porto, enumerou outras melloras necesarias nas conexións desde A Coruña a Ferrol e a Lugo, así como as liñas Ferrol-Ribadeo e Vigo-Ourense.
Canto aos traballos necesarios para optimizar o tempo de percorrido do AVE Galicia-Madrid destacou a necesidade de impulsar a variante exterior de Ourense, a dotación de dobre vía nos treitos que non hai ou a mellora dos túneles do Padornelo. Tamén fixo referencia ás obras previstas en máis de 40 túneles da liña de alta velocidade, durante as que agarda que Renfe ofreza alternativas que non vaian en detrimento da mobilidade da cidadanía en Galicia.
Á falta de concreción sobre o Plan Director do Corredor Atlántico engádese o grupo de traballo para facer seguimento deste plan que o Ministerio constituíu o pasado 29 de xaneiro na Coruña e que está coordinado polo comisionado do Corredor Atlántico. Cómpre indicar que a Xunta non ten información de quen integra o grupo nin de calendario sobre próximas reunións. Outro dos incumprimentos ten que ver co interlocutor directo entre a Xunta con Renfe comprometido polo Goberno central xa hai dez meses para informar das incidencias nos servizos ferroviarios.
Por último, na conexión Galicia-Madrid sinalou o recorrente problema coa reserva e compra de billetes para todo tipo de viaxes polo colapso da web ou porque a venda anticipada se limita a un mes.