Así o trasladou o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia
O xerente do Servizo Galego de Saúde remarca no Parlamento que todos os nenos das comarcas do Condado e da Paradanta teñen atención pediátrica garantida
Subliña que todos os profesionais de pediatría destes concellos teñen cupos cun número de nenos por debaixo da ratio recomendada polo Ministerio de Sanidade
Reitera que é competencia do Goberno central poñer á disposición das comunidades autónomas máis persoal médico en categorías deficitarias
Destaca que as medidas da Xunta permitiron adxudicar na última oferta de emprego público de difícil cobertura 7 prazas de medicina de familia e pediatría no Condado e na Paradanta
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, trasladou hoxe no Parlamento de Galicia que, nas comarcas do Condado e da Paradanta, todos os nenos e nenas teñen a atención pediátrica garantida.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, o xerente do Servizo Galego de Saúde detallou que en todos os concellos os pediatras atenden cupos cun número de nenos por debaixo da ratio recomendada polo Ministerio de Sanidade, que fixa o óptimo entre 1.250 e 1.500.
En concreto, no concello de Salceda de Caselas o cupo é de 1.130 nenos e nenas e en concellos con atención pediátrica compartida, como A Cañiza e Crecente ou Arbo, atenden a menos de 500 nenos.
A Xunta mantén o seu compromiso coa equidade na atención sanitaria e o xerente do Sergas lembrou as solucións achegadas polo Goberno galego para a provisión de postos de difícil cobertura.
Adxudicación de 7 prazas no Condado e A Paradanta
Grazas á lei de medidas extraordinarias que permitiu ofertar prazas vacantes en propiedade polo sistema de concurso de méritos, a última oferta de emprego público de postos de difícil cobertura permitiu adxudicar 7 prazas nas comarcas do Condado e A Paradanta. Delas, 4 de pediatra de atención primaria e 3 de facultativos especialistas en atención primaria.
Parada lamentou que o grupo parlamentario nacionalista rexeitara pedirlle ao Goberno de España que tome medidas para que as comunidades autónomas dispoñan de máis médicos nas categorías con déficit de persoal.
Neste sentido, o xerente do Servizo Galego de Saúde lembrou que votaron en contra de pedirlle ao Ministerio de Sanidade a flexibilización de criterios de acreditación de prazas MIR para acadar máis formación nas especialidades que o precisan. E tamén votaron en contra de solicitarlle ao Goberno central a modificación do Estatuto Marco para elevar ata os 72 anos a idade máxima para exercer a profesión médica, unha medida voluntaria que busca paliar un problema que existe en toda España.
José Ramón Parada indicou que a Consellería de Sanidade está avanzando nun plan de recursos humanos que, tal e como anunciou o conselleiro, ofrecerá un mapa preciso do capital humano dispoñible no Servizo Galego de Saúde cunha proxección a futuro de médicos de familia, pediatras e enfermeiras dispoñibles e os que son necesarios actualmente e a medio e longo prazo.
Ademais, trasladou á veciñanza de Ponteareas que recentemente o Concello aprobou a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal que permitirá iniciar os trámites para que a Xunta licite a redacción do proxecto do novo centro de saúde deste municipio.