Activo un incendio no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta o Parque do Xurés
O lume, procedente de Portugal, entrou en Galicia arredor das 13.20 horas deste mediodía
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025
A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo arestora no concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que entrou dende Portugal e que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.
O lume chegou a Galicia arredor das 13.20 horas deste mediodía. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 axente, 4 brigadas, 2 motobombas, 1 helicóptero e 2 avións.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.