O salón de actos da Consellería de Sanidade acolleu a entrega de Premios BIC cos que a revista especializada Gaceta Médica recoñece os mellores servizos sanitarios nacionais

Gómez Caamaño subliña que os 4 premios Best in Class acadados pola sanidade galega en 2024 acreditan a calidade asistencial e a capacitación dos seus profesionais

Os servizos de Dermatoloxía e Patoloxía Dixestiva do Complexo Universitario Hospitalario de Pontevedra, e os servizos de Pediatría e Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago foron premiados como os mellores do Sistema Nacional de Saúde

Así mesmo, os servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico de Santiago, a Unidade da Dor do Complexo Universitario Hospitalario da Coruña e o centro de saúde da Estrada foron recoñecidos con diplomas acreditativos á excelencia 5 estrelas

Un total de 17 servizos das áreas sanitarias de Pontevedra-Salnés, Ferrol,  Santiago-Barbanza e da Coruña-Cee resultaron finalistas nas súas respectivas categorías

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, clausurou este mediodía o acto de entrega dos Premios Best in Class 2024, cos que a publicación especializada Gaceta Médica recoñece o desempeño do conxunto de hospitais e centros de saúde españois. Nesta edición, a Sanidade pública galega foi recoñecida con catro galardóns na categoría de mellor servizo asistencial e con tres diplomas acreditativos vencellados á excelencia clínica.

En concreto, os servizos de Dermatoloxía e de Patoloxía Dixestiva do Complexo Universitario Hospitalario de Pontevedra e os servizos de Pediatría e Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago foron premiados como os mellores do Sistema Nacional de Saúde, durante o ano 2024.

Sobre este particular, Gómez Caamaño subliñou que estes galardóns “acreditan a calidade asistencial e a capacitación dos profesionais” do Servizo Galego de Saúde. Así, remarcou que Galicia conta cunha “Sanidade punteira” e “un dos mellores servizos dentro do sistema sanitario español”.

Xunto con estes premios, o sistema sanitario galego tamén foi recoñecido con tres diplomas acreditativos pola súa excelencia 5 estrelas. Neste caso, os premios recaeron no servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela,  no traballo da Unidade da Dor do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; e no centro de saúde da Estrada como o mellor centro do primeiro nivel asistencial.

17 servizos sanitarios galegos chegan ata a final

Cómpre destacar tamén que un total de 17 servizos das áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés, Ferrol, Santiago-Barbanza e A Coruña-Cee resultaron finalistas nas diferentes categorías dos Premios Best in Class 2024.

Nomeadamente, a Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés resultou finalista nas categorías de mellor: Hospital Alta Complexidade, Organización Integrada de Atención Primaria, Servizo de Farmacia Hospitalaria en Oncoloxía, Servizo de Microbioloxía e Proxecto de Humanización na Asistencia Sanitaria. Pola súa banda, a Área Sanitaria de Ferrol foi finalista na categoría de mellor Organización Integrada de Atención Primaria.

No que atinxe a Área Sanitaria de Santiago-Barbanza, o Hospital Clínico acadou a final como centro de Alta Complexidade, xunto cos seus servizos de Enfermidades Infecciosas, Farmacia Hospitalaria, Farmacia Hospitalaria en Oncoloxía, Microbioloxía, Oncoloxía e Patoloxía Dixestiva.

Por último, catro servizos da Área Sanitaria da Coruña e Cee -Farmacia Hospitalaria, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Medicina Intensiva/UCI-, foron finalistas nesta edición que recoñece ás mellores unidade asistenciais do ano 2024.

“Temos unha sanidade punteira e estamos nas mellores mans”, concluíu o conselleiro de Sanidade, trasladando a súa satisfacción aos profesionais polos resultados recollidos nos Premios BIC 2024.

No acto de entrega dos galardóns participaron, tamén, a directora de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2025