A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un protocolo de colaboración co alcalde da cidade para o fomento do benestar animal
A Xunta construirá este ano en Ferrol o primeiro gran parque canino urbano de Galicia cun investimento de 70.000 euros
A infraestrutura estará no polígono de Catabois e ocupará unha superficie aproximada de 2.000 metros cadrados nos que os animais poderán correr, xogar e socializar sen necesidade de levar correas ou bozos
O acordo fixa que o Executivo galego colaborará coa redacción do proxecto -punto no que se está agora mesmo- e coa súa construción, mentres que o local facilitará tanto os terreos como os permisos e asumirá o seu mantemento e explotación
Ángeles Vázquez destaca que a Administración autonómica dá así un paso máis no seu compromiso de dotar as sete cidades galegas de espazos deste tipo, para o que se está en contacto tamén cos concellos de Lugo, Ourense e Pontevedra
Estas medidas para mellorar o benestar dos animais de compañía engádense ás axudas de 2025 para concellos e protectoras para o coidado de exemplares abandonados así como para impulsar a adopción, cun orzamento de 1,4 M€
Ferrol, 12 de abril de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para o fomento do benestar animal na cidade que se concreta na construción do primeiro gran parque canino urbano de Galicia. Esta infraestrutura, que estará no polígono de Catabois e ocupará unha superficie aproximada de 2.000 metros cadrados, contará cun investimento de 70.000 euros coa previsión de que poida estar operativa antes de que remate este ano.
De feito, o acordo terá vixencia ata o 31 de decembro de 2025 e nel establécese que a Xunta colaborará coa redacción do proxecto -punto no que se está agora mesmo- e a posterior construción deste espazo, mentres que o Goberno local porá a disposición os terreos, facilitará os correspondentes permisos municipais e, unha vez executado, farase cargo do mantemento e explotación do parque.
A responsable autonómica salientou que a Xunta da un paso máis no seu compromiso de dotar as sete cidades galegas cun gran parque canino para mellorar a atención e benestar dos animais de compañía. Neste sentido, a infraestrutura prevista en Ferrol contará con áreas de lecer nas que os cans poderán correr, xogar e socializar sen necesidade de levar correas ou bozos.
O parque disporá dunha serie de comodidades para os animais de compañía como áreas de xogo, fontes de auga, obstáculos e ramplas para que poidan exercitar as súas habilidades físicas así como bancos para as persoas propietarias. Trátase de elementos fundamentais para mellorar o benestar dos animais e que os donos poidan cumprir máis facilmente coa obriga legal de proporcionarlles o necesario exercicio físico e descanso de acordo coas súas necesidades así como unha contorna libre de estrés.
En canto ao obxectivo de contar cun parque canino en cada cidade, a conselleira explicou que, ademais de Ferrol, se está en contacto con outras cidades como Lugo, Ourense e Pontevedra co fin de buscar o mellor lugar para a creación destes espazos dentro do seu territorio coa idea de poder definir e desenvolver os proxectos canto antes.
Outras medidas
Estas novas instalacións proxéctanse coa vocación de servir de reforzo e apoio ao labor desempeñado a nivel autonómico polos centros de recollida de animais abandonados xestionados por entidades locais e asociacións sen ánimo de lucro, especialmente naqueles concellos de menor número de habitantes e que non dispoñen dos medios necesarios para asumir de maneira satisfactoria estas tarefas.
Ángeles Vázquez salientou que son medidas que se enmarcan no compromiso do Executivo galego co benestar animal, para o que tamén renovou este ano os apoios aos concellos e asociacións protectoras para o coidado, manutención e atención dos animais domésticos de compañía abandonados así como para o fomento das adopcións. En concreto, convocou a comezos de 2025 dúas ordes dotadas dun orzamento total de 1,33 millóns de euros, o que supón triplicar a contía das convocatorias do ano pasado.
A maiores, a Xunta continúa coa súa aposta polo fomento das adopcións coa publicación, por segundo ano consecutivo, dunha liña de axudas dirixida a particulares co fin de cubrir os primeiros gastos sanitarios e de identificación de cans e gatos acollidos nalgún dos centros e protectoras autorizados en Galicia e que atopen un novo fogar, cun orzamento global de 40.000 euros para este ano.
O fin último é erradicar o problema do abandono e maltrato animal cunha maior sensibilización da cidadanía sobre a tenza responsable e buscando unha resposta cada vez máis positiva cara á adopción dos animais atendidos nalgún dos centros existentes por toda a comunidade.
Neste sentido, o abandono dos animais pode orixinar graves problemas de benestar, sanidade, seguridade pública e viaria, así como ambientais polo que é fundamental que desde as administracións se sigan dando pasos para avanzar na liña da Lei de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, unha norma pioneira no seu día, que combate o maltrato en calquera das súas formas e promove o abandono cero mediante a adopción e a concienciación da sociedade.