O presidente visitou hoxe as instalacións autonómicas, en Lugo
Rueda salienta os máis de 600.000 € investidos no Centro de Fauna Silvestre do Veral como exemplo da aposta da Xunta pola conservación da biodiversidade
Destaca o “orgullo” que supón contar con profesionais especializados en “coidar da fauna galega”, que supón un dos principais “atractivos da nosa comunidade”
O Veral forma parte da rede de centros de recuperación animal, repartidos polas catro provincias galegas, e que o ano pasado recibiron máis de 4.700 exemplares
A Xunta busca mellorar estas instalacións para avanzar cara un modelo de atención aos animais máis eficaz e adaptado aos retos do presente
Lugo, 16 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá o Centro de Recuperación da Fauna Silvestre do Veral, sito en Lugo, onde puxo en valor o traballo realizado nas instalacións e onde reafirmou o compromiso do Goberno autonómico coa protección da biodiversidade e coa recuperación de especies autóctonas. “Forma parte da rede de centros, un por provincia, que amosan que temos profesionais que dedican a súa vida a coidar da fauna que hai en Galicia e que forma parte dos atractivos desta comunidade”, indicou.
Rueda, que estivo acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asegurou que “é un orgullo” para todos os galegos contar con este tipo de centros que velan pola conservación e recuperación de especies que son claves para “garantir un medio ambiente sostible e a biodiversidade” e que configuran tamén “esa Galicia Calidade que é a nosa riqueza animal”.
O titular do Goberno galego destacou que a Xunta investiu máis de 600.000 euros na mellora das instalacións do centro, co obxectivo de avanzar cara a un modelo de recuperación máis eficaz, profesionalizado e adaptado aos retos do presente. Entre as actuacións levadas a cabo, inclúense a incorporación dun novo módulo de recuperación, a instalación dun novo túnel de voo para que as aves recuperadas poidan practicar, e a ampliación da zona acuática con dúas piscinas cubertas, principalmente destinada a aves mariñas peláxicas.
O xefe do Executivo autonómico salientou o papel fundamental deste centro, que conta con instalacións de referencia como o recinto especializado para o oso pardo -preparado para dar resposta a posibles emerxencias desta especie-, así como o traballo de “recuperación de diferentes especies de aves” ou a conservación do mexillón de río, unha das variantes máis ameazadas de Europa, que se cría e investiga en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.
Rede de centros de recuperación da fauna silvestre
Rueda aproveitou a visita para agradecer o traballo levado a cabo polos centros de recuperación de fauna silvestre de Galicia e que o ano pasado recibiron máis de 4.700 exemplares. Neste senso, ao centro do Veral súmase o de Santa Cruz, no concello coruñés de Oleiros; o do Alto do Rodicio, en Maceda (Ourense); e o de Carballedo, no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.
A Xunta mantén un firme compromiso con garantir o benestar animal con diferentes medidas coma as axudas destinadas á protección dos animais de compañía -que este ano se triplicaron (ata preto dos 1,4 millóns de euros)-, o primeiro centro público de acollida para exemplares abandonados -que se poñerá en marcha este ano- ou os futuros parques caninos nas sete grandes cidades galegas, en colaboración cos concellos.