A Xunta sanciona catro persoas por pesca irregular no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas por importe global de máis de 17.000 euros
Os tres expedientes resoltos dan resposta ás denuncias dos axentes presentes na zona ao constatarse infraccións pola práctica da pesca deportiva no ámbito deste espazo protexido, á que se suma nalgún caso a navegación e fondeo sen autorización
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural resolveu nos últimos días tres expedientes sancionadores por pesca irregular no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que afectan a un total de catro persoas e por un importe global que supera os 17.400 euros.
O departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático iniciou os procedementos a raíz de distintas denuncias presentadas polos axentes medioambientais ou forestais presentes na contorna e unha vez analizadas as probas e evidencias facilitadas. Posteriormente deuse a posibilidade aos interesados de que presentasen alegacións no marco do procedemento administrativo seguido contra eles.
O primeiro dos expedientes, cunha sanción de 6.002 euros, é contra unha persoa por practicar pesca deportiva desde embarcación a motor e marisqueo mediante mergullo con pesas sen autorización en augas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Polo tanto, impútaselle a comisión de dúas infraccións administrativas graves recollidas na lei pola que se declara o parque, concretamente a realización de actividades de pesca deportiva non permitidas e a navegación e práctica do submarinismo en augas do parque, así como o fondeo e amarre nos arquipélagos sen a autorización correspondente.
O segundo caso, no que se impón unha sanción solidaria de 9.003 euros a dúas persoas, é por practicar a pesca deportiva empregando unha embarcación de lecer -da 7ª lista- no arquipélago de Ons. Durante a instrución considerouse probado que os interesados estiveran pescando de xeito irregular e que navegaran e fondearan na zona sen contar coa autorización necesaria para poder facelo.
O terceiro expediente, cunha sanción de algo máis de 2.400 euros, é contra unha persoa por realizar pesca deportiva desde embarcación a motor nas proximidades do illote Centolo, tamén dentro do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Neste caso, considérase que incumpriu a norma que impide a realización de actividades de pesca deportiva nos espazos pertencentes a esta área protexida.
Nos dous primeiros casos cabe a posibilidade de que presenten recursos de alzada na vía administrativa ante a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático mentres que no último xa só podería recorrer ao contencioso-administrativo pois o interesado presentou durante a tramitación do expediente unha declaración de renuncia ao exercicio de calquera acción ou recurso en vía administrativa, beneficiándose así dunha redución na contía da sanción do 20% en relación coa proposta inicial.
A Xunta lembra a importancia de velar pola protección dos espazos naturais protexidos da comunidade e a transcendencia de loitar contra as actividades furtivas -as actividades cinexéticas e de pesca deportiva prohibidas- acompañando o labor de vixilancia coa concienciación do conxunto da cidadanía no respecto ao medio ambiente.