O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, interveu no acto de entrega do VI premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía a Inés Gómez Otero

Gómez Caamaño subliña o empeño da Xunta por reforzar a cardioprotección co impulso da prevención, a atención especializada e a investigación

O titular da carteira sanitaria pon en valor os investimentos da Xunta para mellorar a atención cardiolóxica na sanidade pública, coa adquisición da última tecnoloxía de vangarda e a mellora das infraestruturas e o equipamento

Destaca iniciativas como o Rexistro galego de infarto agudo de miocardio ou a posta en marcha da rede de atención ao shock cardioxénico, no que Galicia foi pioneira a nivel estatal

Subliña o traballo exemplar da Unidade de Insuficiencia Cardíaca do Servizo de Cardioloxía do CHUS, dirixida pola doutora Inés Gómez, que atendeu máis de 300 ingresos e realizou seguimento activo de preto de 1.000 pacientes

Agradece a Inés Gómez a súa contribución ao sistema sanitario, e insiste na necesidade de seguir investindo en investigación como motor fundamental do progreso

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou hoxe o forte compromiso da Xunta de Galicia coa cardioprotección da poboación reforzando a prevención, a atención especializada e a investigación na procura de novas vías de mellora.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego interveu, na compaña do xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, no acto de entrega do VI Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía á doutra Inés Gómez Otero, responsable da Unidade Especializada de Insuficiencia Cardíaca do CHUS.

Gómez Caamaño puxo en valor os investimentos da Xunta para mellorar a atención cardiolóxica na sanidade pública, a través da adquisición da última tecnoloxía de vangarda ou coa mellora das infraestruturas e equipamento sanitario.

Neste apartado, o conselleiro referiu iniciativas como o Rexistro galego de infarto agudo de miocardio ou a posta en marcha da rede de atención ao shock cardioxénico, no que Galicia foi pioneira a nivel estatal coa implantación dun protocolo unificado de asistencia.

Xunto ao anterior, Galicia foi a primeira comunidade en integrarse, a través do 061, no Programa Ariadna para o rexistro e xeolocalización dos desfibriladores externos.

Todos estes logros -remarcou o conselleiro- permiten mellorar a asistencia sanitaria ofrecendo unha resposta máis rápida e eficaz para reducir a mortalidade.

Traballo exemplar

No labor de protexer o corazón da cidadanía, Gómez Caamaño incidiu no traballo exemplar da Unidade de Insuficiencia Cardíaca do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, dirixida pola doutora Inés Gómez.

Segundo dixo o conselleiro, esta unidade atendeu máis de 300 ingresos e realizou seguimento activo de preto de 1.000 pacientes na súa consulta monográfica, consolidándose como unha ferramenta fundamental no Servizo Galego de Saúde.

Esta unidade de referencia está integrada por un equipo multidisciplinar de profesionais altamente cualificados e comprometidos coa atención ás persoas con insuficiencia cardíaca.

Para Gómez Caamaño, o premio hoxe entregado recoñece precisamente a achega investigadora neste ámbito, ao ser un traballo revolucionario que permitirá abrir novas portas e estratexias cada vez máis personalizadas e eficaces, ademais de optimizar os recursos sanitarios.

Para concluír a súa intervención, o conselleiro agradeceu a Inés Gomez a súa contribución ao sistema sanitario e insistiu na necesidade de seguir investindo en investigación como motor fundamental do progreso.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/04/2025