Belén do Campo pon en valor as axudas da Xunta de incorporación de mozos, plans de mellora, modernización de explotacións e mitigación do cambio climático
A representante do Goberno autonómico puxo a granxa Agros de Frieiro como exemplo do futuro do rural en Galicia con profesionais que apostan pola modernización e ampliación das súas explotacións ano tras ano
En Galicia estas ordes suman preto de 46 millóns de euros e teñen como obxectivo consolidar a comunidade como un referente no sector agrario
Santa Comba (A Coruña), 28 de abril de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Medio Rural, Nieves Mancebo, visitou a gandería os Agros de Frieiro SCG, unha explotación centrada no gando vacún de leite. A delegada puxo esta granxa como exemplo do futuro do rural con profesionais que apostan pola modernización e ampliación das súas explotacións ano tras ano.
Neste sentido, a representante do Goberno autonómico indicou que este tipo de proxectos fomenta a dinamización do rural e a fixación de poboación, sen descoidar a innovación, xa que a granxa recibiu varias ordes de axuda nos últimos anos.
Neste contexto, a delegada destacou que o titular desta gandería recibiu unha axuda, no 2023, do plan de mellora para subvencionar un establo de vacún de leite, dous almacéns un aberto e outro pechado, a cubrición dunha fosa de xurro, un sistema de identificación para a sala de muxido e os honorarios do proxecto, anteproxecto e dirección de obra. Unhas obras que xa están rematadas.
Ademais, esta explotación contou cun apoio de Medio Rural para incorporación de mozos, no 2024, que lle permitiu a contratación dunha persoa, estando xa pagado o primeiro prazo dun 60%. Neste senso, Belén do Campo apuntou que en Galicia beneficiáronse destas axudas, o ano pasado, 320 mozos e mozas menores de 40 anos dos cales 90 foron da provincia da Coruña.
A representante do Goberno autonómico tamén puxo en valor outras dúas subvencións aprobadas no 2024. Por unha banda esta gandería recibiu un apoio da orde investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias para un establo libre de leite, unha soleira, silo de forraxe, almacén pechado, un inxector de xurro, cisterna de xurro e honorarios de proxecto, anteproxecto e dirección de obra que se atopa actualmente en execución. Finalmente, tamén ten aprobado outra axuda, no 2024, para investimentos produtivos que contribúen á mitigación – adaptación ao cambio climático para construír unha esterqueira.
Apoio sector agrario
Neste sentido, Do Campo subliñou que desde A Xunta “apostamos por ganderías en primeiro lugar produtivas, economicamente sustentables, pero tamén mediambientalmente sostibles e acordes ás novas políticas que se veñen implantando dende a Unión Europea”.
A delegada recalcou que “mediante estas axudas se facilita tamén o compromiso ambiental da nova PAC, ao tempo que se continúa apoiando as explotacións á hora de financiar todo tipo de investimentos”.
Belén do Campo explicou que a resolución das axudas para plans de mellora, que inclúen os investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias, e de pequenas explotacións agrarias, e as axudas para investimentos produtivos que contribúen á mitigación-adaptación ao cambio climático e as de incorporación de mozos e novos agricultores contan en total cun investimento de preto de 46 millóns de euros.
O carácter destas axudas é plurianual e dentro do réxime de concorrencia competitiva. Están dirixidas a titulares de explotacións agrarias (plans de mellora) e a persoas físicas que se vaian incorporar á actividade agraria (mozos e non mozos), que poden financiar todo tipo de investimentos, como a construción e a reforma de inmobles, a compra de maquinaria nova etc.
O obxectivo da Xunta é seguir avanzando na remuda xeracional, consolidar Galicia coma un referente no sector e promover un agro forte e competitivo. Por iso, o orzamento da Consellería do Medio Rural sube, este ano, un 3,5% para o vindeiro ano ata superar os 700 millóns de euros.
Nova PAC
Na visita a representante do Goberno autonómico subliñou que “este é o rural que queremos e polo que apostamos dende a Xunta”, lembrando que o Goberno galego publicou, hoxe mesmo, no Diario Oficial de Galicia (DOG) a modificación da Orde da Política Agraria Común (PAC) para ampliar o prazo de solicitude ata o vindeiro 15 de maio.
Polo tanto, con esta ampliación, a Consellería do Medio Rural alongará o período de tramitación de solicitudes ao prazo máximo que a normativa lle permite, co fin de facilitar ás entidades tramitadoras da solicitude única o seu labor. O pasado 5 de marzo publicouse a Orde de axudas da PAC en Galicia. A partir do día seguinte da apertura do prazo, as entidades tramitadoras de solicitudes comezaron a rexistrar as case 24.000 solicitudes únicas de axudas da PAC que se esperan este ano dos agricultores e agricultoras galegas. A dotación das axudas para esta campaña será de preto de 224 millóns de euros, en total.
Cabe sinalar que as axudas da PAC son esenciais para o mantemento da actividade agrícola e gandeira, a rendibilidade económica das explotacións e o mantemento de poboación no medio rural. O obxectivo final destas achegas é manter o sector agrícola europeo, de xeito que se compensa ás persoas que traballan no agro polos servizos ambientais que proporcionan, a calidade das súas producións e as esixencias lexislativas de máximo nivel impostas pola Unión Europea a prol da sustentabilidade.
A PAC contempla axudas directas que inclúen, entre outras, as axudas básicas á renda para a sustentabilidade. Neste sentido, salientou que estas achegas contribúen a apoiar unha renda agrícola viable e a resiliencia do sector agrícola, co fin de mellorar a seguridade alimentaria a longo prazo e a diversidade agrícola, así como garantir a sustentabilidade económica destas producións. As achegas directas contemplan tamén os ecorreximes -prácticas voluntarias que levan a cabo os agricultores para impulsar o rendemento ambiental e climático relativo á PAC-, xunto coas achegas asociadas á produción.