A Xunta licita por case 600.000 euros as obras de substitución das cubertas do Cee Terra de Ferrol
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, anuncio a actuación no día de onte durante unha visita ao centro educativo
O proxecto, que ten un prazo de execución de cinco meses, contempla a renovación de máis de 4.000 metros cadrados de cubertas
Ferrol, 29 de abril de 2025
A Xunta publicará nos próximos días a través da plataforma de contratos de Galicia a licitación das obras de substitución das cubertas do CEE Terra de Ferrol por un importe de 599.492,81 euros. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, anunciou este contrato durante unha visita realizada no día de onte ao centro xunto ao director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana.
O proxecto contempla a renovación das cubertas dos módulos do 1 ao 8, taller de carpintería, corredor central e os soportais exterior e de xogo. En total, a intervención supón a renovación de máis de 4.000 metros cadrados de cubertas.
Os traballos incluirán a retirada de tella e das pranchas de fibrocementos, a colocación dunha subestrutura de perfís de aceira e a execución da cuberta completa a base de panel sándwich. Tamén se substituirán os canos e baixantes por outros novos así como as pranchas metálicas dos soportais por outras combinadas con pezas traslúcidas. Por último renovaranse as luminarias da primeira planta por outras a base de paneis LED con equipos de control lumínico e detector de movementos.
Tal e como informou a delegada territorial as obras teñen un prazo de execución de cinco meses.
A intervención no CEE Terra de Ferrol está incluída no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino, converténdoos en instalacións máis eficientes, sostibles e axustadas ás necesidades educativas actuais.