O acordo busca elevar a calidade do ensino, aumentar o número de profesionais formados nas universidades galegas e potenciar a actividade sanitaria

Rueda asina un pacto pola Enfermaría entre a Xunta e as universidades públicas galegas para mellorar a formación e reforzar o sistema sanitario

Sinala que o acordo, con vixencia para os próximos catro anos, establece unha liña de colaboración entre Xunta e universidades para reorganizar o grao de Enfermaría

O pacto prevé, entre outros obxectivos, lograr un incremento 15% nas prazas de novo ingreso en Enfermaría ao remate do período de aplicación

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e polo conselleiro de Sanidade, Gómez Caamaño, asinou hoxe un acordo de colaboración cos reitores das universidades públicas galegas para avanzar nun gran pacto pola Enfermaría, mellorando a formación e reforzando o sistema sanitario.

O titular do Goberno galego puxo en valor a colaboración e entendemento que hai “entre o Sistema Universitario Galego e a Xunta” para dar un paso adiante na “formación sanitaria universitaria”. Segundo afirmou o presidente, o protocolo supón “un gran pacto pola enfermería”.

Rueda informou de que o acordo ten tres obxectivos concretos que teñen que ser “a porta para acadar outros”: elevar a calidade do ensino, aumentar o número de profesionais formados nas universidades galegas e potenciar a actividade sanitaria.

Con vixencia para os vindeiros catro anos, o pacto establece unha liña de colaboración entre o Goberno galego e as universidades para reorganizar a estrutura docente do grao de Enfermaría. A folla de ruta inclúe avanzar cara á concentración da docencia nunha única facultade por universidade, co obxectivo de mellorar a organización académica, a xestión e a calidade formativa. Isto implicará a integración progresiva das escolas adscritas ao Servizo Galego de Saúde, que poderá derivar na creación de novas facultades ou na modificación das actuais.

Outro dos piares fundamentais do protocolo é a “mellora do cadro persoal docente”. O financiamento achegado pola Xunta permitirá ás universidades contratar máis profesorado a tempo completo ou con vinculación indefinida, co propósito de garantir unha formación de excelencia e con equipos estables, comprometidos e altamente cualificados.

Ademais, o acordo prevé un incremento mínimo do 15% nas prazas de novo ingreso en Enfermaría ao rematar o período de aplicación, tomando como referencia o curso 2023/2024. Tal e como apuntou o presidente, esta medida responde á “crecente demanda asistencial” e á necesidade de contar con máis persoal sanitario formado no Sistema Universitario Galego.

Integración das escolas do SERGAS no SUG

Rueda sinalou que o protocolo asinado “é o primeiro paso dun proceso máis ambicioso”: a integración das escolas de enfermaría do SERGAS no Sistema Universitario Galego. Esta transformación permitirá homoxeneizar a formación, fortalecer os vínculos entre educación superior e sanidade pública e “formar a profesionais cada vez máis preparados nun sistema que teña a máxima calidade e o máximo rigor académicos”.

A medida afectará nunha primeira fase ás escolas da Coruña, Lugo, Ourense e Meixoeiro, aínda que a previsión é avanzar tamén na integración da escola da Deputación de Pontevedra e da escola privada de Povisa.

Situación da sanidade galega

O titular do Executivo galego apuntou ao contexto actual no que se firma o protocolo, no que España aínda se atopa por debaixo da medida europea en rateo de enfermeiro por habitante. Galicia leva anos traballando para revertelo e desde 2008 o número de profesionais de enfermaría no sistema sanitario galego medrou un 20%, con especial énfase na atención primaria, onde a Comunidade supera a media estatal. Actualmente, o SERGAS conta cunha medida diaria de 13.000 enfermeiros e enfermeiras en activo.

A Xunta reforza esta aposta con novas medidas, como a convocatoria recente de 152 prazas de especialidade de enfermaría, a creación de máis de 1.400 prazas sanitarias nos orzamentos de 2025 e a adaptación da normativa para facilitar a incorporación de profesionais en áreas con necesidades específicas.

O presidente afirmou que o obxectivo último deste pacto é que “Galicia dispoña dos mellores profesionais sanitarios nas mellores condicións posibles”, garantindo así un ensino universitario e un sistema sanitario “eficaz, próximo e humano”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/04/2025