A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, acompañada da delegada territorial en Ferrol, visitaron esta mañá o municipio

A Xunta axudará con 180.000 € ao Concello de Ares na restauración do humidal da Xunqueira para preservalo do cambio climático e mellorar a súa conectividade

As actuacións subvencionadas divídense en tres proxectos, financiados nun 80 % polo Goberno galego e que permitirán recuperar espazos naturais desta área, incluída no Inventario de zonas húmidas de Galicia e moi próxima ao centro urbano aresán

Tamén se rehabilitará o paseo fluvial elevado existente, executaranse labores de limpeza e conservación, eliminaranse maleza e especies invasoras e instalaranse novos puntos concibidos para o desfrute da poboación e a observación da natureza

Ángeles Vázquez salienta o éxito da primeira convocatoria desta liña de apoios, que se resolveu con achegas concedidas a 35 concellos e esgotou os 2 M€ dispoñibles

Ares (A Coruña), 2 de maio de 2025

A Xunta de Galicia concederá tres axudas por un importe total de 180.000 euros ao Concello de Ares para levar a cabo a restauración ambiental do humidal da Xunqueira a través da execución dun paquete de actuacións orientadas a preservar e aumentar a resistencia e preparación deste espazo natural aos efectos do cambio climático e mellorar a súa conectividade co centro urbano.

Así o explicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou o municipio coruñés para coñecer os detalles das actuacións subvencionadas.

No caso concreto de Ares, a responsable autonómica explicou que o concello presentou tres solicitudes a esta primeira convocatoria da liña de axudas convocada polo seu departamento para impulsar solucións naturais en clave local que axuden a previr riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos.

Os tres proxectos que finalmente resultaron subvencionados teñen en común a mesma área de actuación: o parque da Xunqueira, unha zona húmida que abrangue unha extensión de catro hectáreas, incluída no Inventario de Humidais de Galicia e que conta cunha gran diversidade de flora e fauna e destaca pola súa riqueza paisaxística.

O primeiro busca acometer a restauración ambiental da Xunqueira, onde se acometerán labores de limpeza e conservación, eliminando maleza e invasoras; faranse desmontes e reporanse os distintos elementos que compoñen o paseo fluvial elevado existente, na actualidade bastante deteriorado, e crearanse novos puntos concibidos para o desfrute da poboación e a observación da natureza.

Os outros dous proxectos centraranse en mellorar a conectividade natural entre o medio rural e urbano aresáns, tendo en conta que o humidal da Xunqueira ten unha localización privilexiada ao norte do núcleo principal do municipio, xusto entre as dúas vías de entrada e comunicación que vertebran Ares.

Ángeles Vázquez destacou a grande acollida entre o municipalismo da primeira convocatoria desta liña de apoios “pioneira”. De feito, salientou que tras analizar as preto de 100 solicitudes recibidas e unha vez resolta a convocatoria deste ano, concedéronse axudas a 35 concellos para a execución de 42 proxectos, esgotando os 2 millóns de euros do orzamento dispoñible. Neste sentido, felicitou en especial aos concellos de Ares e de Vilariño de Conso, por aproveitar ao máximo estas axudas e ser as dúas únicas entidades locais galegas que recibiron 180.000 euros cada unha.

Todas estas iniciativas, nas que o Executivo galego aporta ata o 80 % do importe subvencionable e como máximo 60.000 euros por iniciativa —cun límite de tres proxectos por solicitante—, mobilizarán un investimento total de máis de 2,5 millóns, contando tanto as achegas autonómicas como as achegas dos concellos.

Máis concretamente, no caso da provincia da Coruña, son un total de 11 as entidades locais beneficiarias, entre elas, Boqueixón, que executarán 13 proxectos e obras subvencionadas con arredor de 630.000 euros co obxectivo de intervir en espazos públicos para atenuar o efecto illa de calor, incrementar os espazos verdes e a biodiversidade urbana existentes e fomentar a conectividade natural entre as zonas urbanas e periurbanas aproveitando treitos fluviais e sendas.

Entre un 40 % e un 70 % das emisións GEI

Cómpre lembrar que o obxectivo desta liña de axudas é avanzar no obxectivo de dotar ás zonas urbanas de espazos e pulmóns verdes como parques, xardíns, fontes ou áreas recreativas tendo en conta que se estima que é nas áreas máis poboadas onde se xeran entre un 40 % e un 70 % de todos os gases de efecto invernadoiro (GEI).

A existencia destas contornas naturais, de feito, repercute na redución das emisións á atmosfera e na mellora da calidade de vida da cidadanía polos beneficios que reportan para a saúde e pola sociabilidade, ao ser tamén espazos de encontro e lecer colectivo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2025