A Xunta ofrece preto dunha ducia de actividades de divulgación ambiental durante o mes de maio no marco do proxecto transnacional LIFE Insular

A illa de Cortegada acollerá cinco actividades, que inclúen a plantación de especies arbóreas autóctonas, rutas interpretativas e obradoiros

En Cíes e Ons faranse xornadas de observación da flora e fauna existentes nas illas

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025

A Xunta de Galicia ofrece durante este mes de maio preto dunha ducia de actividades de divulgación ambiental no marco do proxecto transnacional LIFE Insular, que é un proxecto transnacional con Irlanda que lidera o Goberno galego desde o ano 2022, e co que se busca mellorar a conservación dos ecosistemas insulares atlánticos reforzando a súa resiliencia fronte ao cambio climático e diferentes tipos de presión humana.

Deste xeito, o obxectivo destas xornadas é fomentar unha maior sensibilización dos visitantes sobre a conservación do patrimonio natural a través do coñecemento dos seus valores ambientais, paisaxísticos, etc e da promoción de prácticas responsables.

En concreto, sete desas accións se desenvolverán no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Así, a illa de Cortegada acollerá cinco actividades. A primeira delas está a desenvolverse esta fin de semana e consiste na plantación de especies arbóreas autóctonas na contorna da capela e nunha ruta interpretativa sobre a flora existente na illa para dar a coñecer os recentes labores de conservación dos ecosistemas de Cortegada.

Esta illa, ademais de acoller unha actividade de observación de bolboretas o día 11, será o escenario de dous obradoiros: o 17 de maio levarase a cabo un sobre rastros e pegadas para coñecer a fauna que habita en Cortegada e o 24 de maio farase outro sobre a construción de instrumentos musicais con elementos da natureza. A maiores, durante estas tres xornadas tamén se realizará unha acción de recollida de residuos pola zona de costa da illa.

En canto ás illas Cíes, o día 10 de maio farase unha ruta centrada na observación de bolboretas que dará continuidade ao estudio de investigación que está a desenvolver desde hai dez anos o Parque Nacional sobre os lepidópteros.

Un día despois, o 11 de maio está previsto levar a cabo unha xornada de divulgación sobre a flora na contorna do cabo Udra, no concello de Bueu. Ademais, o día 18 farase unha ruta interpretativa na illa de Ons para coñecer a súa riqueza ecosistémica a través da observación de aves mariñas e terrestres.

A maiores, o vindeiro 21 de maio organizarase unha xornada de divulgación nun espazo da Rede Natura de Galicia sobre algúns dos animais presentes -aves, mamíferos, réptiles, etc-, que incluirá información sobre os seus hábitats, o seu comportamento e a súa importancia neste espazo natural protexido.

Por outra banda, dentro da Zona de Especial Conservación Complexo Húmido de Corrubedo, que inclúe a illa de Sálvora, realizaranse dúas xornadas de divulgación ambiental, que se centrarán na observación da flora -o 18 de maio- e das aves –o día 25- existentes nas praias da contorna de Corrubedo.

Data de actualización: 03/05/2025