A Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico reafirman o seu esforzo conxunto na loita contra o tráfico de drogas

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fundación, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración

O Goberno galego achega 34.000 euros para apoiar o traballo das autoridades e axentes xudiciais na xestión de bens incautados, a prevención do consumo e o apoio a persoas drogodependentes e ás súas familias

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, reforzaron hoxe o seu compromiso na loita contra o tráfico de drogas a través dun novo convenio de colaboración. Segundo o acordo establecido, o Goberno galego aportará 34.000 euros, 2.000 euros máis que no anterior convenio, para apoiar á fundación, ás autoridades xudiciais e ás forzas e corpos de seguridade do Estado en Galicia no desenvolvemento das súas tarefas. No acto de firma estivo tamén presente o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.

O obxectivo deste convenio é continuar a colaboración entre a Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico, que comezou en 2015, para implantar fórmulas que optimicen a xestión dos bens decomisados ao narcotráfico e delitos conexos e financiar liñas de traballo que a fundación desenvolve na súa loita contra o tráfico de drogas.

Na xestión de bens incautados, a Fundación contra o Narcotráfico colabora e reforza as actuacións coas autoridades xudiciais e outros axentes implicados para desenvolver da mellor maneira posible as tarefas de xestión, depósito e realización anticipada dos bens mobles incautados mediante a organización e o seguimento destas actuacións en procesos de narcotráfico e delitos conexos instruídos en Galicia.

Ademais, noutras liñas de traballo, este acordo serve para continuar impulsando campañas de sensibilización fronte ao narcotráfico, especialmente en zonas onde o consumo de drogas presenta maior índice de incidencia, así como formar redes de apoio e acompañamento a persoas drogodependientes e aos seus familiares. Tamén axuda a levar a cabo iniciativas como Panos brancos contra a droga, que impulsa torneos deportivos en coincidencia co Día Internacional contra a Droga instaurado pola ONU ou a organización de foros técnicos e profesionais, así como a recente Gala de premios da Fundación, que recoñece o esforzo das autoridades na loita contra as drogas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/05/2025