A Xunta mellora as instalacións do ciclo de FP de Acondicionamento Físico do instituto IES A Guía, en Vigo

O conselleiro de Educación e a delegada territorial do Goberno galego en Vigo comproban o resultado das obras, coas que se habilitaron novas aulas e vestiarios

Roman Rodríguez destaca un investimento de preto de 30M€ na mellora dos centros da cidade ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica

Vigo, 6 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, visitou hoxe o Instituto IES A Guía, en Vigo, onde comprobou o resultado das obras realizadas polo seu departamento para mellorar os espazos do centro. En concreto reformouse a área destinada a impartir o ciclo superior de Formación Profesional de Acondicionamento Físico, no que se duplicou a demanda.

Tal e como explicou o conselleiro, dotouse o instituto de dúas novas aulas polivalentes. Ademais, habilitáronse vestiarios, dos que carecía o centro, destinados a cubrir as necesidades dos alumnos e permitir que a actividade docente poida desenvolverse nas mellores condicións. O importe da reforma ascendeu a preto de 50.000€.

Román Rodríguez lembrou que, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, “a Xunta está a investir case 30M€ na mellora das instalacións dos colexios e institutos de Vigo”. “De feito, este mes de maio imos comezar o cambio de cuberta e rehabilitación do CIFP Valentín Paz Andrade, unha obra de case 2M€”, detallou. No caso do CIFP Manuel Antonio, cunha obra prevista moi similar por máis de 1,6M€, a actuación está xa adxudicada, á espera de que o Concello de Vigo conceda a licenza municipal. A maiores, está en licitación a reforma de cubertas do Instituto IES Politécnico de Vigo, por máis de 250.000€.

Novo instituto en Navia

Román Rodríguez sinalou, igualmente, que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP continúa traballando no proxecto de execución para poder licitar e comezar a obra de construción do novo instituto IES Domingo Villar, en Navia, neste ano 2025, cun orzamento superior aos 19M€.

Este centro é o primeiro instituto de Galicia deseñado seguindo os parámetros académicos, tecnolóxicos e de sostibilidade recollidos no Plan de nova arquitectura pedagóxica. Terá capacidade para arredor duns 700 alumnos de ESO e Bacharelato e ocupará unha superficie total de preto de 8.200 m², divididos en edificio principal de aulario, edificio de ximnasio e outros espazos complementarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2025