Miguel Corgos reafirma a posición da Xunta en contra da condonación da débeda proposta polo Goberno central

O conselleiro de Facenda e Administración Pública respondeu en sede parlamentaria a unha pregunta sobre a quita da débeda

Corgos lembrou que Galicia non pode aceptar a asunción de débeda porque penaliza ás comunidades cumpridoras, como Galicia, beneficia ás que subiron o tramo autonómico do IRPF e non xera capacidade adicional de gasto

O conselleiro de Facenda aclara que se “puideramos dispoñer dos 4.000 M€ para financiar servizos básicos, aceptariamos”, pero a condonación non xera capacidade adicional de gasto ás CC.AA.

Reivindicou novamente a actualización das entregas a conta e recordou a perda que isto está a provocar nas contas da comunidade

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, reafirmou hoxe en sede parlamentaria a posición da Xunta en contra da condonación da débeda proposta polo Goberno central.

Miguel Corgos insistiu en que Galicia non pode aceptar esta asunción de débeda porque non trata por igual a todas as CC.AA. e penaliza ás que presentan un mellor desempeño financeiro, como Galicia. Calquera medida que se tome para aliviar a carga financeira “ten que ser equitativa.”

Para o responsable da Facenda galega esta condonación non xera capacidade adicional de gasto ás comunidades, xa que a débeda e o gasto global non poden aumentar en aplicación do principio de neutralidade no impacto do déficit e da débeda conxunta, explicou. “Se realmente puideramos dispoñer dos 4.000 M€ para financiar servizos básicos, aceptariamos”, asegurou, pero neste caso “sería unha transferencia e non unha asunción da débeda.” Pero, ademais, engadiu, vulnérase a autonomía financeira, beneficiando ás comunidades que subiron o tramo autonómico do IRPF antes do 2023.

Precisou que os números demostran que Galicia vería incrementado o volume global de endebedamento, asumindo máis débeda da que se cede –case 600 millóns de euros de débeda adicional-. E exemplificouno en que, por cada galego e cada galega “veríamos incrementada a nosa débeda en 220 euros, porque, por un lado o Goberno central asumiría 1.477 euros por galego pero, a cambio, a cada galego lle tocaría asumir 1.698 euros da débeda xeral de todas as CC.AA.”

Corgos expuxo a situación de inestabilidade que está a provocar o Goberno central no eido das comunidades ao non presentar un proxecto de Orzamentos, nin actualizar as entregas a conta ou  revisar o Sistema de Financiamento Autonómico (SFA). Sinalou que “o empeño inxustificable” do Goberno central de non actualizar as entregas a conta do SFA está provocando que a Xunta vexa incrementado mes a mes o seu custe financeiro, que cuantificou en “aproximadamente 1,5 M€ ao mes” en xuros adicionais.

O conselleiro de Facenda e Administración pública reiterou que o Goberno central debe impulsar a revisión do SFA, propoñer unha reforma ás comunidades e, entre todas, consensuar un sistema equitativo, suficiente e duradeiro.

Data de actualización: 07/05/2025