A Xunta celebra o Día de Europa con algúns dos clubs que representaron a Galicia en competicións europeas nas últimas tempadas
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor o bo momento do deporte galego e o seu importante papel na proxección da marca Galicia en Europa
Santiago de Compostela, 9 de maio de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, recibiu a deportistas dalgúns dos clubs que representaron a Galicia en diferentes competicións europeas nas últimas tempadas. O encontro enmarcouse na celebración, hoxe, do Día de Europa.
Diego Calvo agradeceu o esforzo e dedicación dos deportistas presentes, que levaron “a bandeira de Galicia e os seus valores alén das fronteiras nacionais, deixando o pavillón galego ben alto”, e destacou o apoio da Xunta para continuar fomentando un “deporte plural, diverso, enriquecedor, con valores, motor de cambio social e tamén axente económico determinante”.
Cómpre salientar a puxanza galega no contexto deportivo europeo. Neste sentido, algúns dos clubs galegos que participaron en Europa nestas últimas tempadas foron o Hóckey Club Liceo de A Coruña e o Hóckey Club Coruña Femenino en hóckey patíns; o C.D. Burela Fútbol Sala en fútbol sala; o Club Universitario Ferrol, o Ensino Lugo Club de Baloncesto, o Club Baloncesto Breogán S.A.D. e o Obradoiro Clube de Amigos do Baloncesto S.A.D. en baloncesto e o C.D. AMFIV en baloncesto en cadeira de rodas; o Club Balonmán Porriño e o Club Balonmán Atlético Guardés en balonmán; o R.C. Deportivo de La Coruña S.A.D. en fútbol (en categoría xuvenil); o Arteal Tenis de Mesa, a Agrupación Deportiva Vincios e o Tenis de Mesa Monte Porreiro en tenis de mesa; o Estrela Supernova en fútbol gaélico (en categoría cadete); así como o C.P.A. Gondomar, o C.P.A. Condado de Salvaterra de Miño e o C.P.A. Ríbex de Tui en patinaxe artística.