A Xunta financiará as probas para que case 4.000 alumnos de 189 centros poidan acreditar oficialmente o seu nivel de idiomas

O Goberno galego destina preto de 400.000 euros a sufragar o custo das probas de certificación en idiomas para 4º da ESO, Bacharelato e FP nos niveis B1, B2 ou C1

Apoiará ás familias cunha achega de 100 euros para costear os exames

Esta acción enmárcase na Estratexia galega de linguas estranxeiras, que contempla un paquete de medidas para a mellora destas competencias entre o alumnado

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2025

A Xunta de Galicia impulsa a acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras para que preto de 4.000 alumnos de 189 centros educativos de toda Galicia poidan certificar o seu nivel en diferentes idiomas este curso a través das probas específicas financiadas polo Goberno galego.

Concretamente, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP habilita unha partida de preto de 400.000 euros para o financiamento destas probas, cunha contía de 100 euros por alumno para sufragar o custo das probas das destrezas orais e escritas que realicen estudantes de 4º da ESO, Bacharelato ou FP para certificar os niveis B1, B2 ou C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, correpondentes cos niveis intermedio e avanzado.

Estas probas están enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras (EduLingüe 2030) para o fomento da aprendizaxe de idiomas no ensino non universitario, con medidas e accións para a mellora da competencia lingüística do alumnado galego.

Inglés, francés, portugués e alemán

Cada alumno pode matricularse nunha proba dunha lingua estranxeira que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira no seu centro educativo. É dicir, inglés, francés, portugués e alemán. O estudante poderá decidir o exame ao que se presenta, coa orientación do profesorado, para coñecer con antelación as características da proba.

O pasado curso 2023/24, a meirande parte dos alumnos certificados fixérono na lingua inglesa (máis do 90%), seguido de francés, portugués e alemán. Por nivel de acreditación, a maioría acadaron o nivel B2 de Inglés (o 41%) seguido do B1 de inglés (o 36%).

A organización e xestión das probas é competencia exclusiva do centro educativo, que deberá seleccionar o alumnado candidato ás probas, o nivel da proba á que se presenta e as institucións ou empresas certificadoras oficialmente recoñecidas a través da cal as realiza.

O listado de centros que participarán nas probas de acreditación de competencia lingüística en linguas estranxeiras pode consultarse nesta ligazón.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2025