Belén do Campo visita un dos centros educativos nos que comproba as obras de reforma de saneamento, pluviais e canalóns no Ceip Portofaro de Cambre que contan cun investimento de preto de 50.000€

A delegada da Xunta visitou esta mañá o centro, onde a Xunta executa actuacións para mellorar as instalacións e o confort da comunidade educativa dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

A Coruña, 24 de xullo de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa do concello de Cambre, Diana Piñeiro, e polo Director territorial de Educación, Santiago Freire,  visitou hoxe o CEIP Portofaro, onde a matrícula de alumnos é de 301, para comprobar o avance das actuacións de mellora que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no centro, no marco do Plan Ben-Estar 2026, co obxectivo de seguir modernizando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa.

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou o compromiso da Xunta coa mellora continua dos centros educativos públicos, subliñando que “investir na calidade das infraestruturas educativas é investir no benestar do alumnado e do profesorado, así como nun ensino público de maior calidade”.

No CEIP Portofaro de Cambre estase a executar a reparación da rede de saneamento, pluviais e canlóns, cun orzamento de preto de 50.000 euros, actuación destinada a mellorar a conservación do edificio e o confort das instalacións.

 A delegada lembrou tamén que a Xunta vai investir,  neste mesmo concello, no CEIP Emilio González López e no IES Alfonso X O sabio, onde se executarán reformas por importe de preto de 50.000 euros, actuacións que permitirán incrementar a seguridade das instalacións e mellorar as condicións de uso destes centros educativos.

En total, a Consellería de Educación destina preto de 100.000 euros a estas actuacións nestes tres centros educativos de Cambre, que inclúen a reforma de aseos, a substitución de portas de acceso, a reforma do saneamento e dos canlóns, así como a reparación da cuberta, reafirmando o compromiso do Executivo autonómico coa conservación e modernización das infraestruturas educativas do municipio

Belén do Campo enmarcou estas intervencións no plan Ben-Estar da Xunta de Galicia. Son actuacións moi necesarias que se executan durante o período estival. Neste caso,  o departamento educativo da Xunta ten previsto un paquete de 329 obras en toda Galicia por un importe de 7,2 millóns de euros.

Na comarca de A Coruña e Betanzos realizaranse 34 actuacións cun importe de case 530.000 euros

A representante da Xunta destacou que este plan supón unha transformación progresiva dos centros educativos galegos para convertelos en espazos máis confortables, sostibles e preparados para afrontar os retos do futuro.

Finalmente, Belén do Campo reiterou que a Xunta continuará impulsando actuacións de mellora nos centros educativos da provincia da Coruña, co obxectivo de ofrecer unhas instalacións modernas, seguras e adaptadas ás necesidades do alumnado e do profesorado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/07/2026