Nun encontro celebrado esta mañá no Reitorado coruñés

O comisario do Xacobeo 2027 aborda co reitor da UDC vías de colaboración para implicar á comunidade universitaria na preparación do Ano Santo

Marcos Gómez Román destacou a importancia de impulsar iniciativas que acheguen o Xacobeo 2027 ao estudantado, ao persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2026

O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, mantivo hoxe un encontro institucional co reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, co obxectivo de avanzar na preparación do Xacobeo 2027 e explorar posibles vías de colaboración que favorezan a implicación da comunidade universitaria na programación do Ano Santo.

Durante a reunión, celebrada no Reitorado da UDC, ambas institucións coincidiron na conveniencia de promover iniciativas conxuntas que contribúan a achegar os valores do Xacobeo ao ámbito universitario, fomentando a participación activa do estudantado, do persoal docente e investigador e do persoal de administración e servizos nas actividades que se desenvolvan con motivo da celebración do Ano Santo.

Marcos Gómez Román destacou o papel que desempeñan as universidades galegas como espazos de coñecemento, innovación e difusión cultural, sinalando que a súa implicación será clave para enriquecer a programación do Xacobeo 2027 desde unha perspectiva académica, científica e social.

A reunión serviu tamén para establecer unha canle de diálogo permanente entre ambas institucións que permita concretar nos próximos meses proxectos de interese común, aproveitando o potencial docente, investigador e de transferencia de coñecemento da Universidade da Coruña para contribuír á proxección do Xacobeo 2027 dentro e fóra de Galicia.

A xuntanza deu continuidade á rolda de contactos do comisario do Xacobeo 2027 coas universidades galegas despois de que esta mesma semana se reunise coa reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa M. Crujeiras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/07/2026